A noite duodécima

Luces de Nadal en Pontevedra. ELENTIR/FLICKR.

Eva Moreda.

Nese tempo limiar de doce días, o contacto entre o mundo terreal e o alén é especialmente intenso e perigoso.

Nati Rey

Prólogo: 24 de decembro

Noiteboa, Christmas Eve, Vixilia

Que leves boa viaxe, reiniña: este é o taxista que me leva de Lavacolla á estación de autobuses de Santiago para logo seguir para Lucián e a casa de meus pais e pasar aló os doce días do Nadal: sempre que volvo ao país fago por que me molesten aínda que sexa un pouco estas castrapadas, pero o certo é, ao cabo de case vinte anos fóra, que cada vez me molestan menos. Ai como soubesen algúns que perdoas e mesmo agradeces estas castrapadas; como soubesen que te comportas como unha emigrante das que saían en Galicia polo mundo aínda tendo outra formación e outros posibles, eh: pero eu penso para min: esta xente ten as castrapadas arredor todo o día, eu non; é normal que non lles vexan o aquel e que anden aborrecidos. Se eu vivise aquí, tamén había indignarme contra elas. O que non sabe esa xente, e non sen por que saber, e que a emigración tamén poden ser estas cousas, que che vaian os afectos (por usar unha palabra de moda: digámosllelo na súa lingua para que o entendan mellor) por onde eles queren e non por onde teñen que ir.

25 de decembro

Nadal, Christmas

Unha das cousas que che preguntan cando volves ao país as primeiras veces é se botas de menos a comida. E que vas dicir? Que si; parece que non cabe outra resposta: e logo cos anos decátaste de que ademais é bastante verdade. Claro que a boto de menos, e así na cea de Noiteboa e no xantar de Nadal acabo comendo de máis mentres os sobriños miran para min con algo de estrañeza. Os sobriños din que a tía fala raro, que á tía –pouco afeita como está a tratar con cativos– non a entenden ben cando fala; logo ben sei que no colexio presumen da tía que vive fóra e que pasa ademais o día enteiro a falar noutro idioma. Cando miro o Twitter (que igual non debía) entre un prato e outro, atopo na caixa de mensaxes privadas unha (“Bo Nadal.”, así co punto e sen exclamación) unha que non esperaba: de Ígor. Quen é Ígor? Ígor estaba no instituto aquí en Lucián noutro grupo do mesmo curso; nunca lle prestei eu máis atención, que cando vivía aquí ao que estaba era a estudar, esforzarme, aplicarme, todo, paradoxalmente, para poder saír de aquí canto antes. Logo hai uns cantos anos –dez se cadra xa– empecei a saber de Ígor polas redes sociais: o que lle chaman Galituiter, no que Ígor é moi activo. Non é Ígor, porén, iso que lle din un dongalizo: o seu interese, como o de todo o grupiño co que se arrexunta, anda máis por unha especie de socially progressive, culturally conservative idea do país que en realidade podería acaerlle a boa parte do país, ao meu entender, se o de culturally conservative non proese tanto. Con Ígor temos falado polos trebellos sociais ao longo dos anos, non moito e nunca en privado: dúas veces nun mes, logo dez meses ou un ano que nada: pois como con moita xente nestes sitios. Sei que segue a vivir en Lucián pero non sei ben en que traballa: pode ser que traballe en varias cousas, ou pode ser que atopase o xeito de monetizar estes tuits ben interesantes que fai sobre cousas de Galicia e cos que eu, desde logo, aprendo ben.

26 de decembro

Boxing Day, Day of the Wren, Santo Estevo

A tarde de onte e a mañá de hoxe paseinas a cruzar mensaxes, unha cada hora ou así, con Ígor, e quedamos ir tomar un café hoxe pola tarde: será a primeira vez que o vexo en persoa en (calculo) vinte anos, e a primeira en toda a vida que falemos máis aló de nos dicir ola. Non dixen que ás veces Ígor sobe tamén fotos, e por unhas cousas e outras, mentres lle repaso a conta para ver de que temas podemos falar, acabo pensando: está ben guapo; este é un late bloomer, como adoitan ser os homes galegos, ben ao contrario que os ingleses, que nunca se me deron demasiado ben: e como serán, a estas alturas da primeira madurez, estes homes galegos aos que eu de mociña e estudante case lles fuxía, porque claro: había que estar ao que había que estar, que era emigrar canto antes e mentres tanto prepararse o mellor posible para emigrar. Ti non te ates moi nova, dicíame mamá aos dezaseis, dezaoito, vinte: hai quen no Galituiter se queixa de que as nais galegas –pouco conscientes da súa complicidade co patriarcado– teiman por que as fillas se emparellen ben noviñas, pero eu case estou por asegurar que entre as señoras do meu tempo deuse máis ben o fenómeno contrario. Eu debín facerlle demasiado caso a miña nai, porque nunca emparellei con seriedade; e antes, por evitar o balbordo que se dá nos aeroportos e nos trens ingleses por estas datas, o Nadal pasábao en Inglaterra con amigos tamén solteiros, todo moi de invented tradition. Ao facerme un pouco máis vella empecei a volver por aquí, hai non máis de tres, catro anos; foi entón cando me decatei do especialiños que son estes días, que andaba eu entre eufórica, desorientada e mística. Linlle un día a Nati Rey, que é unha rapaza que escribe uns artigos moi interesantes en Biosbardia, que no duodenario de Nadal o que sucede é que o alén vén para o aquén e ponse a andar por aquí sen máis complexo, e tívome todo moito máis sentido: desde aquela, tárdame sempre moito volver, aínda que me dea tamén un pouco de medo.

Cando Ígor e máis eu nos vemos hoxe nunha cafetería do centro, cóntolle do tema e, como xa me parecía, está moi de acordo e ten moito que dicir. Ademais ti en Inglaterra estás case no mellor país para iso, di, porque alí, en lugar de negar que anda o alén descomparallado estes días, respéctano e buscan xeitos de domesticalo que ademais vaian ben coa lóxica capitalista, que neste tempo non hai outra. Que tenrura dá, eh? Como por exemplo que?, pregúntolle eu. Pois como o Cascanoces de Tchaikovsky, que seica estes días están os teatros cheos, non? Están, confirmo eu. Ou o Conto de Nadal de Dickens. Andan nesas cousas os ingleses por diante de nós: como en todo; non sabes a sorte que tes de estar por aló, aínda que iso signifique que por aquí te vexamos menos.

27 de decembro

San Xoán (o de Patmos, non o outro)

Levo desde onte a pensar: e que querería dicir Ígor –tamén solteiro coma min– cando dixo que era unha mágoa que aquí me vexan menos; pero, para que non se diga, o que me dá que pensar case máis ca iso é o que dixo dos ingleses, sempre por diante de nós. Escríbolle por WhatsApp dicíndolle que me parece que no galeguismo sempre houbo de sempre moita anglofilia, pero que é unha anglofilia construída sobre un coñecemento deficiente, e mesmo conscientemente deficiente, da cultura británica. El contesta que toda filia ou todo amor se asentan sobre un coñecemento deficiente do que se ama. Non, digo eu moi decidida. Mira se non para os do teu bando: o que vos diferencia dos dongalizos é que coñecedes ben Galicia e a galeguía e aceptades como é na vosa idea de Galicia caben os rallies e as procesións mitradas; non credes que As bestas sexa nin espello realidade nin tampouco un cuento de gallegos inventado por un meseteiros calquera. Logo quedamos máis tarde hoxe para falalo en persoa; volvo á casa bastante tarde.

28 de decembro

Os Santos Inocentes, The Holy Innocents, Childermas

Nos Santos Inocentes facíase en partes de Inglaterra a tradición do neno bispo: lin dela hai un tempo e hoxe ao espertar vólveme ao miolo. Non deixa de ser, ao cabo, un destes ritos de mundo ao revés e de inversión de roles que logo, inevitablemente volven ao rego, pero si que me chama a atención, cando leo na Wiki aínda na cama ao espertar, a parafernalia que gastaban nalgúns sitios nos que seica a entrada no mundo ao revés se marcaba na misa co recitado do Magnificat: cando se chegaba á frase “deposuit potentes” baixaba o bispo do trono, e cando se seguía con “et exaltavit humiles” subía o neno que se convertía en bispo por un día. Emocionada por saber destas cousas, mándolle un whatsapp a Ígor para ver se sabe dalgún equivalente de noso; non chegan ás oito da mañá, pero el nada máis que tarda tres minutos en contestar que de noso non sabe nada, pero si que sabe do obispillo de Burgos, que aínda se fai. Dou a volta para seguir durmindo e imaxino que en realidade si que temos unha tradición do bispiño que algún día Manuel Gago ou alguén coma el revelará en Twitter, e que terá algún detalle diferencial como que o bispiño será en realidade bispiña: xa o discutirei con Ígor, que seguro que ten moitas ideas ao respecto.

31 de decembro

San Silvestre, Ano Vello, New Year’s Eve, Hogmanay

Dígolle a Ígor nun whatsapp que el e os outros coma el –que non sei cantos haberá en Galicia– son un pouco coma os do Grupo Nós, arredor de si e arredor os uns dos outros. Cando llo mando éntrame un pouco de preocupación de que o tome a mal, porque o certo é que, aínda que estes días falamos e quedamos moito, non deixamos de ser estraños, eu sobre todo. Pero el que vai tomar a mal, sendo apracible como é. Ás veces que quedamos cóntame como algunhas fins de semana sae co coche, só ou con colegas, ver cruceiros ou asistir a festas parroquiais. Iso en Inglaterra tería un aquel como de British National Front, penso eu: pero aquí non, e peor para os ingleses, que por moita fama que leven á hora de ser tradicionalistas e por moito que xente como Ígor os admiren, no fondo coa tradición son moi de sota, cabalo e rei e non saen de aí. Hoxe que quedamos dime tamén que xa lle gustaría levarme a unha viaxe desas e que é unha mágoa que estea tan lonxe. Eu dígolle que volverei polo San Xoán, que xa teño o billete mercado, e que ademais vai ser mellor porque os días serán máis longos e poderemos ver máis cousas. Vénme á memoria o libro de Otero Pedrayo, Pelerinaxes, que lin haberá uns dez anos; parecíame daquela que era un libro do que se podía dicir, como se fose un tópico, que case pasaban máis tempo e se preocupaban máis por comer o cocido que por descubrir o país. Agora paréceme que tópico é, pero tamén é bastante verdade, e máis aínda: ten un aquel de ser como debería ser. Isto é case o que máis me tarda de cando Ígor e mais eu vaiamos por Galicia adiante facer o mesmo.

2 de xaneiro

San Basilio o Grande e San Gregorio Nacianceno

Despois de Aninovo, sempre hai o aquel en Inglaterra de que o Nadal xa rematou; mesmo seica na época victoriana inventaron, aló no país da invented tradition, a superstición de que ter a árbore de Nadal posta máis aló do 2 de xaneiro trae mala sorte: no fondo un invento para que a xente estivese na fábrica e disposta a traballar xa o día 3. Pero só estamos un pouco máis aló do ecuador do duodenario e hai que seguir tendo coidado; hai que seguir levando como se poida, e ao mesmo tempo respectando, este estado intermedio de lixeira desorientación e de escuridade. Por iso mándolle outro whatsapp a Ígor para quedar outra vez. Tamén pode ser que, con todo o revoltas que andan as cousas, pasen cousas tamén na miña vida que nunca ata agora pasaron. E non me molestas nada, reina, non me agobias nada, contesta á miña mensaxe un tanto derrotista; xa me gustaría a min que todos os agobios fosen así. E logo dime: Así seguimos a falar das ribeiranas e as contradanzas, que onte andaban a falar polo Galituiter, non viches? Quedamos e falamos logo das ribeiranas: unha cousa que antes sería para mocear, agora xa non porque hai outros xeitos, aínda que Ígor me conta que soubo dunhas clases de baile tradicional ensinado e transmitido como se debe –non coreografías da Sección Femenina– e que se non pillasen na Coruña senón máis para acó, habíase de apuntar. Non é un pouco así, un pouco ridículo –e dígoo, sobre todo, por min tamén– ser como Adrián Solovio, pero xa con case corenta anos, aí a voltas co fascinio e o cuase-namoramento do País. Bueno, contesta el: eu diría que nós temos aínda máis mérito ca Adrián Solovio, porque con todas as distraccións que temos hoxe, non digas que non é extraordinario que nos dea por esas cousas. E agora, ademais, todos os tempos os vivimos, paradoxalmente, moito máis a modo: con corenta agora tes as mesmas ganas de vivir, e a mesma pouca madurez, que antes con vinte e cinco. Logo quedamos calados un anaco.

4 de xaneiro

Santa Anxela da Foligno, mística

Xa non queda moito, pero eu o que fago aquí na casa dos pais, cos sobriños xa marchados de tempo (volverán para reis), é sentar en semipenumbra polas tardes e ler, ver películas antigas e non facer moito máis, máis que esperar a hora en que quedei tomar o café con Ígor, que cada vez penso máis nel durante o día. Mística, que pareces unha mística, di miña nai cada vez que me ve así; “mística” aquí non é unha louvanza.

5 de xaneiro

Noite de Reis, Twelfth Night

A Noite de Reis xa sabemos todos que é a noite duodécima e a última do duodenario: así puxo Shakespeare na obra a Sir Toby Belch e Sir Andrew Aguecheek, que na nosa perspectiva poden non ser máis ca dous pesados, pero que están aí para remitir ao mundo a revés destes días. Imos tomar outro café, xa o derradeiro desta volta; vístome ben; xa sei que non vai pasar nada, porque hai moitos anos que nunca pasa, e gústame ver que Ígor tamén se amañou e puxo gomina e o xersei elegante. Cando nos despedimos fóra da cafetería, chanceo: Non hai algunha tradición galega para despedir os que marchan? Porque con iso de que somos un pueblo emigrante, xa podiamos ter inventado algo, non? El contesta: Iso penso que é recente de máis para que haxa tradición; o único que me vén ao miolo é o de Rosalía en Costumbres gallegas, pero iso non é para os que marchan, senón para os que chegan, e ademais hai unha alta posibilidade de que sexa fake, como a danza do abellón do outro. Quedamos calados un anaco, todo moi pregnant silence como adoitan ser estas ocasións, e logo pregunta: Queres unha tradición inventada? Queres invented tradition?, e sen máis apértame canda a parede da cafetería e dáme un morreo. Noto axiña –con máis agudeza da normal, se cadra porque hai tanto tempo ou se cadra porque estes días son máis pronunciadas as cousas– que os dous con gusto iriamos máis aló se puidésemos, pero non vexo que vaiamos poder estando os dous como estamos na casa dos pais desta vez.

Pero xa teño o billete mercado para volver polo San Xoan, e é ese un tempo de haber case tanta maxia polo mundo como agora no Duodenario de Nadal.

Advertisement

2 comentarios en “A noite duodécima

  1. Eva Moreda escribe coma quen non quere escribir e ao tempo contando todo con detalle. A parte da súa precisión e sutileza destaca pola súa falta de espectacularidade. A literatura comercial, e non só esa, busca a explosión-explotación constante. Eva Moreda nin presume nin pretende esgotar nada.
    Só queda animala moito a escribir.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s