‘Soamente unha vez’, o problema da carne fresca

Detalle da foto de portada de ‘Soamente unha vez’.

César Lorenzo Gil.

Soamente unha vez, de José Mondelo, publicada por Xerais, toma como punto de partida para dar a coñecer o inspector-xefe Paiana o achado do cadáver dunha muller nun couto de caza próximo a unha cidade . E a partir de aí a novela oscila entre o presente da investigación e o pasado do propio policía durante máis de trescentas páxinas. 

Malia a aparencia, esta non é unha novela policial. Xoga con certas convencións do xénero, pero nin o obxectivo do autor é ofrecer unha obra deste tipo nin o lector despistado debe lela co fin de entreterse cunha historia detectivesca actual. Esta é unha novela de policías, como podería ser de sanitarios ou profesores; unha novela de personaxe, Paiana, un funcionario exemplar, en calquera sentido, tamén o pexorativo, do termo.

O maior acerto da obra é conseguir acomadarse no disfrace dun xénero para propoñer o texto narrativo que ao autor lle peta, un pouco a rumbo, coa intuición e o impulso como búsolas. Non dá o esperado e ese truco funciónalle ben.

Mais o problema é que a novela, e menos a novela longa, se se constrúe a base de trucos, cansa e aborrece. Soamente unha vez usa demasiados trucos de escritor preguiceiro, especialmente na voz narrativa e na dosificación da información ao lector. Neste sentido, as convencións do xénero policial esixen maior dominio das técnicas narrativas para que non se perciba certa falta de respecto ao lector.

O outro foco deste libro é a lingua literaria. Na expresividade, Mondelo demostra mestría e toma como modelo o galego popular e retranqueiro de Bieito Iglesias, entre outros. Hai diálogos moi ben escritos e en moitas ocasións o autor acha o rexistro perfecto para o que conta.

Mais velaí o problema da carne fresca, que hai que consumila rápido, porque se non, deixa de ser fresca. Nun texto tan longo, a naturalidade non pode manterse en pé sen un traballo de contención e descarte, sen xerarquizar os acontecementos, sen evitar as reiteracións e a palla.

Este problema vese moi claramente nos diálogos. Hai páxinas e páxinas de leria intrascendente ou determinadas intervencións artificiosas que estragan outras nas que, pola contra, brilla o preciso, o elocuente, o necesario.

En definitiva, Soamente unha vez é unha novela que requiriría maior cocción e repouso, maior edición e control sobre a súa proposta para facela de vez efectiva. Desde fóra aparenta demasiado fresca, e polo tanto, inmatura para se publicar.

Con todo cómpre valorar o intento de facer literatura desde os moldes da narrativa popular, algo que conseguiu un autor que, nestes casos, sempre é bo lembrar e ler: o brasileiro Rubém Fonseca, mestre da alta novela policial.

Advertisement

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s