‘Torino’, as maletas da liñaxe emigrante

Ramón Torrado. LA VOZ DE GALICIA.

Eva Moreda.

Torino, de Ramón Torrado Romero (Axóuxere, 2021), é un libro que certamente podería ter máis ambición formal e máis traballo de selección e de edición, como xa explicarei, pero que, aínda así, penso que pode ser lido con interese por calquera persoa que se sinta atraída polo tema da emigración na literatura. O que sitúa este libro baixo o paraugas temático da emigración é o extenso prólogo: o libro, segundo xa indica o título, é a crónica da viaxe en solitario que fixo o autor polo norte da Península Ibérica e o sur de Francia ata a cidade piemontesa de Turín, pero este relato vai precedido da historia familiar de emigración do autor, o que xa nos prepara para ler a viaxe a Turín doutra maneira (e, penso eu, dunha maneira máis interesante). En efecto, o autor pasou parte da súa infancia en Newark —onde existe unha abondosa comunidade galega—, e esta migración, como é moitas veces habitual, non foi a primeira nin a única da familia: o pai marchou antes para aló e despois uníronselle a muller e os fillos, e ao mesmo tempo sabemos tamén de emigracións a outras partes do Estado que tamén resultaron en separacións familiares ou, máis ben, en unidades familiares recompostas a base de varias xeracións vivindo fóra da familia nuclear.

O libro pode describirse como un collage ou un palimpsesto, e non resulta difícil ver aquí o pertinente da idea: se o desprazamento e o contacto con outras linguas rompe en certa medida a continuidade do suxeito, do eu, pode ser que non teña sentido contar unha historia da emigración cunha voz e unha perspectiva uniformes. Torino, en efecto, dá cabida a diferentes tipos de textos e mesmo diferentes voces. Temos, por exemplo, uso da segunda persoa dirixida ao propio autor-narrador nas primeiras páxinas, que logo reaparece no tramo final do libro, pero esta vez dirixida aos fillos do autor. Tamén no relato da viaxe a Turín aparecen fiadas observacións sobre acontecementos de interese xeral que pasaban naquel momento, como o suicidio asistido de Ramón Sampedro. Un dos acertos, ao meu ver, é a transcrición tal cal, na primeira parte do libro, de cartas familiares, conservando o orixinal castelán e as faltas de ortografía: estas crean unha sensación de autenticidade e de proximidade co autor-narrador.

Esta sensación de autenticidade e de proximidade é precisamente a que, en gran medida sostén a sección máis extensa do libro, a da propia viaxe a Turín. Non só a sostén, senón que, ao meu ver, é tamén responsable de que lle poidamos perdoar ao narrador unha certa tendencia pola linguaxe estereotipada e cuase administrativa (“traxectoria vital”, “ávido lector”) e unha prolixidade que pode resultar abafante: xunto con viñetas ben escollidas e un pouco surreais que lle dan ao conxunto un ton de viaxe iniciática (a participación nunha festa ao aire libre, a interacción cunha familia india na autopista), dánsenos infinitos detalles sobre as dificultades na busca de aloxamento ou os prezos que o autor pagou en diferentes negocios, e que se cadra non engaden demasiado. Veume á memoria Lémbrome, de Xurxo Chapela, un libro tamén de memorialística dun autor dunha idade semellante, pero no que a vontade de selección resultaba moito máis obvia. Torrado Romero semella ser consciente de que ás veces esvara cara ao terreo do escrito persoal e de memoria, case renunciando á ambición literaria, coma cando empeza un capítulo sobre os devanceiros de seu pai escribindo “Este é un capítulo de consulta. Pódese saltar e deixar por se algún día vos interesa o tema”.

Porén, como xa dixen, penso que esta é unha lectura agradable e recomendable para os lectores que teñan interese polas experiencias migratorias na literatura. A do autor aquí aparece ben vívida e próxima, grazas en parte a un estilo sen adornos nin moitas pretensións e tamén ao ton de autenticidade que se establece con bastante éxito xa desde as primeiras páxinas.

♦ Torino, de Ramón Torrado Romero. Axóuxere, 2021. 228 páxinas. ♠18€

Advertisement

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s