Hai que suprimir os premios literarios? Unha enquisa francesa de 1950 (1)

Julien Gracq.

Xesús González Gómez.

En xaneiro de 1950, no número 7 da revista Empédocle, fundada por René Char e Albert Camus, e dirixida por Jean Vigne (e en cuxo comité de redacción, ademais dos fundadores e o director, estaban Guido Meister e Albert Béguin), revista que de abril de 1949 a xullo-agosto de 1950 –ano e mes da súa desaparición– publicou 11 números, números en que se publicaron, entre outros, escritos de Simone Weil, Georges Bataille, Maurice Blanchard, Francis Ponge, Georges Henein, Georges Schehadé, Joë Bousquet, Jean Tardieu, Jean Grenier, Brice Parain, Albert Sigaux ou Maurice Blanchot, sen esquecermos os nomes dos que conformaban o comité de redacción. Ademais tamén viron lume traducións de Herman Melville, Franz Kafka, Rilke, D. H. Lawrence, etc. Diciamos que no número 7 de Empédocle –xaneiro de 1950– apareceron escritos de Lucien Goldmann (Pascal et la dialectique, que se pode considerar como o inicio do seu gran libro, Le Dieu caché). Goldmann, é sabido, intentaba, máis que unha renovación do marxismo francés, a introdución dun verdadeiro marxismo marxista no pensamento galo (cousa que intentaban naquel momento outros pensadores, como o franco-grego Castoriadis, por exemplo), non o invento dos intelectuais do partido comunista: os Garauday, os Henri Lefèbvre –este con máis «calidade»–, os Pierre Hervé, os Aragon, os Pierre Daix ou Laurent Casanova, por só citarmos uns poucos da inconmensurábel listaxe de inútiles que enchían as columnas das revistas e xornais do, daquela, poderoso Partido Comunista Francés; ou Jean Kanapa –fillo de banqueiro, alumno que foi de Jean-Paul Sartre; o seu antigo mestre, nunha polémica, alcumouno, tranquilamente, de «idiota». Coma sempre, empezo a desbarrar, así que centrémonos. Nese número 7 da mencionada revista, ademais do escrito de Goldmann aparecían escritos ou poemas de Maurice Blanchard, Georges Schehadé, traducións de Herman Melville… e, sobre todo, o escrito-panfleto de Julien Gracq, La littérature à l’estomac (A literatura no estómago).

Julien Gracq, de verdadeiro nome Louis Poirier, naquel 1950 era case un completo descoñecido, malia ter publicado dúas novelas de pouca venda: Au château d’Argol (1938), publicada en edición de autor polo que sería o seu editor para sempre, José Corti, e saudada naquel tempo por André Breton, o dereitista (extrema dereita) Thierry Maulnier e… Walter Benjamin (en carta de finais de abril primeiros de maio de 1940 a Gretel Adorno, Benjamin escríbelle: «Ao se retirar, a marea surrealista deixou na praia desolada da literatura unha curiosa cuncha. Gustaríame sinalarche con insistencia unha obriña escrita por un autor até o momento descoñecido, Julien Gracq, e que apareceu en José Corti. O seu título é Au château d’Argol»), e Un beau tenebreux; un libro de poemas, Liberté grande (1947), unha obra teatral, Le Roi Pêcheur (1948), estreada en abril do ano seguinte no Theâtre Montparnase, con dirección de Marcel Herrand, e Lucien Nat, Maria Casarès (sic) e Jean-Pierre Mocky nos principais papeis; e un excelente estudo: André Breton, quelques aspects del’écrivain (1948). Tamén publicara, en 1934 e 1935, nos Annales de géographie os traballos «Bocage et plaine dans le sud d’Anjou» e «Essai sur la morphologie de l’Anjou méridional» respectivamente, e en 1947, no número 8-9, correspondente a xaneiro febreiro de 1947, da revista Critique, dirixida e fundada por Georges Bataille, o traballo «Évolution de la géographie humaine». Digamos que estes escritos «profesionais», Gracq era licenciado en Xeografía e Historia… e en Ciencias Políticas, asinounos co seu nome verdadeiro, polo que ninguén relacionaba este xeógrafo co escritor de Le beau tenebreux.

De A literatura no estómago existe unha boa versión portuguesa, realizada polo surrealista Ernesto Sampaio, quen lle puxo unha introdución que está á altura do texto gracquiano (Lisboa, Assírio&Alvim, 1987 –existe tradución española do panfleto co título La literatura como bluff (Nortesur, 2009)). Engadamos que en 1960 Gracq pronunciou unha conferencia na École Normale Supérieure, Por que a literatura respira mal, que é como unha engádeda ao seu anterior escrito. Cando apareceu este escrito, é dicir, A literatura no estómago, dá a impresión de que os comentaristas ficaron na tona, ou sexa, nos aspectos máis «chamativos»: a toma de partido contra os premios literarios. Evidentemente, o panfleto é moito máis. Como escribe Sampaio, Gracq expresa(ba) «uma condenação sem apelo não só do exibicionismo e vedetariato do escritor, como dos costumes vigentes na república das letras (prémios literários!) e da incapacidade da crítica, espécie de pedraria fechada de onde não há tirar faísca de entendimento que não sexa a procura de “chaves”, sempre e sem repouso até dispor as obras “en forma de fechadura”». E máis cousas, pero deixemos a palabra ao propio Gracq, traducindo uns parágrafos da nota que lle puxo á reedición do panfleto no volume Préférences (París, José Corti, 1961); volume onde tamén se recolle a devandita conferencia (Por que a literatura respira mal), e escritos sobre Novalis, Poe, Breton, Balzac, etc. Velaí os parágrafos gracquianos: «O trazo de mal humor que pode aparecer nalgunhas liñas deste artigo (sic) visa, e matizo porque seica é necesario matizalo, non a literatura que “pensa” (sería totalmente inxenuo), nin mesmo a literatura que se compromete, senón moi exactamente unha certa metafísica de cátedra cuxa inxección en frío na literatura me parece xeradora de precipitados indixestos. Cando digo que “a literatura é dende hai algúns anos vítima dunha formidábel manobra de intimidación por parte do non-literario e do non-literario máis agresivo”, quero lembrar soamente que un compromiso irrevogábel do pensamento na forma é o alento necesario cada día á literatura: no dominio do sensíbel, este compromiso é a condición propia da literatura; no dominio das ideas, dáselle o nome de estilo (ton). Así, con toda seguridade, Nietszche pertence á literatura, tal como seguramente Kant non lle pertence. É por telo esquecido un pouco á lixeira, que hoxe nos achamos ameazados por esa cousa imposíbel de imaxinar: unha literatura de profesores». Só cabe engadir a esta esclarecedoras liñas de Gracq que, 62 anos despois desa nota, «esa cousa imposíbel de imaxinar», fíxose realidade. Realidade asoballante.

Pouco despois da publicación deste panfleto na revista Empédocle, na revista, Carrefour, unha revista «unitaria» dirixida por Pascal Pia, aínda que en realidade en mans de degaullistas de esquerda (un oxímoro como outro calquera) e na que acabaron colaborando os «matadores e os fillos dos matados», que diría Celso Emilio, é dicir, membros da resistencia francesa e escritores colaboradores do nazis (Carrefour acabou apoiando a «Alxeria francesa»), Morvan Lebesque –para saber deste escritor e da súa «traxectoria», do nacionalismo bretón ao nacionalismo bretón, pasando pola extrema dereita francesa, a amizade de Camus, a crítica da V República, o anticolonialismo, etc, é mellor que lectores e lectoras interesado/os acudan á Wikipedia– retomaba as acusacións de Gracq contra os premios literarios e as multiplicaba, denunciando sobre todo as manobras, os amaños e as trapalladas dos «premios literarios, atribuídos aos amigos ou aos mellores ofertantes». Como os dous escritos armaron un certo rebumbio, o xornal Combat decidiu, na súa páxina de letras, dedicarlles unha enquisa aos premios literarios, entrevistando (interrogando) escritores, premiados ou non, críticos, membros de xurado, editores, libreiros e, finalmente, dándolle a palabra ao lector medio.

Do xoves 2 de febreiro ao xoves 23 de marzo de 1950, en sete entregas (o xoves 2 de marzo non se realizou), Geneviène Bonnefoi interrogou nove escritores, dos que algúns premiados (6) ou ameazado cun premio literario (1), e algúns, tamén, membros de xurados literarios (3). Cinco críticos que á vez eran membros de xurados, dous editores, dous libreiros e para acabar entrega, di, a voz do lector medio (2). Antes de entrarmos en materia, é dicir no que opinan a/os interrogada/os, digamos que en realidade se está a falar de premios non convocados por editoriais. Os grandes premios franceses, que maiormente se entregan nos últimos meses do ano, son outorgados por institucións que, teoricamente, son independentes das editoriais: o Goncourt, o Renaudot, o Fémina: son os tres grandes, logo hai outros: o da crítica, o da Academia Francesa, o da Société des gens de lettres, etc, etc. É dicir, sempre se discute sobre premios institucionais; sobre premios aos que o escritor non se presenta, senón premios nos que un xurado decide, como dicía non lembro quen, «cal é o mellor porco da feira», ou os mellores porcos da feira. Se ben hai opinións para todos os gustos, en realidade en moitos puntos están todos de acordo e raros son os que «cuestionan» os premios literarios. Vexamos excertos das opinións dunhas e doutros. O citado Morvan Lebesque foi o primeiro interrogado e era presentado como un escritor ameazado cun premio literario: pola novela Soldats sans espoir, concedéranlle en 1947 o Prix Cercle des Critiques 1947. Lebesque, como xa se dixo, había pouco que escribira contra os premios literarios e nas súas declaracións a Combat insiste no tema: «A literatura está en perigo de mentira, de insignificancia, de nepotismo e de simonía. Unha das tarefas máis urxente é suprimir os premios literarios.» Para Lebesque, dende hai trinta anos (é dicir, dende 1920) os premios prodúcenlle un mal, do que non se fala dabondo, á literatura. E non fala dos «escándalos» de certos premios, en que se compran os xurados a golpes de contratos de edición ou reedición, ou porque os xurados lles outorguen o galardón ás súas amizades. Ou incluso a si mesmos. Nunha palabra, afirma Lebesque, «Quen se atrevería a afirmar que existe hoxe en Francia un premio literario necesario?» Logo, acho que equivocadamente, métese cos xurados de premios de novelas porque a maior parte destes xurados non son novelistas, e se non son novelistas como van xulgar algo que non saben facer, unha arte da que ignoran os segredos? Pero o peor de todo, continúa Lebesque, é que «hoxe se escribe para o Goncourt como antes se pintaba para o Salón» (velaí o gran mal que lle producen os premios á literatura[1]), e engade, ademais o xurado do Goncourt é incompetente, xa que [véxase a lista de premiados] «se equivoca catro de cada cinco veces.»

Para Gilbert Sigaux, a quen lle outorgaran en 1947 o Premio Interallié pola súa novela Les chiens enragés (Os cans rabiosos), e que ao longo da súa vida literaria sería galardoado con diversos premios, estes son a única oportunidade que teñen os escritores novos de chegar a un público máis amplo. Tamén afirma que a concesión dun premio, a talento igual, falsea o problema: «por que darlle o premio a un e non a outro, a Sigaux e non a Bloch-Michel? É entón, sen dúbida, que interveñen as amizades, mais só entón. Se non serían sempre os mesmos quen gañarían os premios» e a respecto dos amaños e das trapalladas dos premios literarios, di que se esaxera moito con esas historias «de intrigas e mercadeo. Os que se indignan e falan de escándalo parécenseme a eses provincianos que, cando chegan a París, consideran a capital como un sumidoiro e os parisienses como uns depravados».

Outro galardoado, co premio Goncourt 1949, Maurice Druon, pola súa novela As grandes familias, ataca aqueles que atacan os premios literarios, e, un pouco ironicamente, di: «só son institucións vivas aquelas que se ataca, o que se discute, o que se censura. Se non existisen xentes que declarasen anualmente que os escritores que distribúen premios literarios son pillabáns e os que os reciben asnos enlamados, os premios perderían sensibelmente interese para o público». Ademais, se non existisen premios literarios (en Francia), «leríanse algunhas ducias, senón centenas de millares de volumes franceses menos no mundo». E acaba propoñendo que os laureados dos premios literarios deberían reunirse cada ano e conceder o «premio ao mal humor», que aquel 1950 debería outorgárselles a Julien Gracq e Morvan Lebesque. Druon acabou sendo presidente de Laureats du concurs général (é dicir, os premios aos mellores estudantes dos liceos franceses), secretario perpetuo da Academia francesa, europedutado, ministro de Cultura con Georges Pompidou e durante anos gozou de certa popularidade, fóra de Francia. En España, no estado español, moitos dos seus libros vendéronse moi ben, sobre todo no Círculo de lectores, e ultimamente Libros del Asteroide recuperou algunha das súas obras, de fácil lectura, mais literariamente falando, case que ilexíbeis. Xudeu de ascendencia, loitador anti-nazi, degaullista de primeira hora, ten na súa honra ser, co seu tío, o tamén escritor Joseph Kessel, o autor da letra de Le chant du partisan.

Un dos escritores franceses con máis poder durante moitos anos, dende os mediados dos 1920 até a súa morte, acontecida en 1968, foi Jean Paulhan, autor de libros de grande interese, mais pouco traducido e publicado fóra do hexágono galo (da súa ampla bibliografía recomendariamos Les fleurs de Tarbes ou La terreur dans les lettres –obra moi discutíbel, pero moi interesante e da que existe versión española, Arena Libros– e a súa correspondencia, da que ultimamente se publicou a que intercambiou con André Breton). Diciamos que Paulhan tiña un gran poder: foi o home forte da editorial Gallimard dende 1926 até o seu pasamento, director da Nouvelle Revue Française e presidente do comité de lectura desta editorial: reproducimos enteira a súa resposta:

«Os defectos do premios literarios son tan evidentes que non hai ningún inconveniente en conservalos (a condición tamén de conservar os adversarios dos premios). A literatura, seica, é un acontecemento curioso que sabe tirar partido de todo.// Gustaríame responderlle mellor, mais eu nunca tiven un premio. E aínda que son membro de dous ou tres xurados literarios, nunca me ofreceron ningún premio».


[1] Todo o mundo sabe, non fai falta ser un lince para se decatar, que dende hai moitos anos escritores en español, coñecidos ou non, escriben obras determinadas para gañar o Premio Planeta ou o Premio Nadal, e algúns outros. Cito estes dous por ser os máis atractivos (monetariamente falando) e por pertencer ambos ao mesmo grupo editorial; pero hai moitos máis para os que se escriben obras cunhas características determinadas, e non só en castelán ou español, por circunscribírmonos ao denominado Estado Español.

Advertisement

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s