A Converxencia. Capítulo 4

Catro caveiras. Debuxo do 1817.

Pablo Pesado.

Os nomes dos seus protagonistas non importan: eran catro e, como a maioría dos humanos, as diferenzas que existían entre eles só eran perceptíbeis para as persoas máis próximas; quere dicir, para os expertos neles; quere dicir, para os seus veciños. Para nós serán, simplemente, catro homes novos; catro homes novos que cansaron do mundo empobrecido e necesariamente provinciano que agora era A Humanidade Toda e que para fuxiren dela refusaron continuar os ciclos eternais a que os seus semellantes decidiran axeonllarse, desde a reprodución sexuada até os bos costumes. En rigor, ninguén impedía a ninguén marchar de Franza, como ninguén impedía a ninguén fechar a boca e as narinas até devir azul e despois afogar e descer ao reino dos mortos. Mais furtarlle á aldea o esperma variegado dos seus homes mozos era atraizoar a confianza con que a aldea os criara e inclinar o seu precario balanzo para o lado da extinción; daquela, cando os números aínda eran tan pequenos, a subtracción do catro constituía perda gravosa.

A revolución xuvenil daqueles catro rapaces non ía encamiñada contra a lei senón contra o carácter, contra o apoucamento dunha tribo cuxa extensión era, para ben ou para mal, idéntica á da civilización e á da especie e que, embora detivese eses atributos, decidía ficar, xeración tras xeración e con paixón cuadrúpede, en eterna mastigadora de herba. A noite do 3 de marzo do ano 83 os catro roubaron catro sarillos de mazarocas, catro sacos de castañas, catro empanadas, unha burra malograda polas perversións da endogamia forzosa da súa raza e oito libros xa escritos, mais con liñas xenerosamente separadas que servirían como pauta dunha nova escritura, da documentación do que houber alén-Converxencia. Eran —díxeno xa?— moi novos, demasiado novos como para anteveren o arrepentimento predicíbel a que acabarían chegando máis tarde ou máis cedo.

Os catro homes abandonaron a terra coñecida e percorreron un mundo radiante que ninguén vira nunca. Eran altos, fortes e morenos; na súa altitude, fortaleza e morenice medíanse cunha terra que, tamén ela, se achaba na plenitude das súas forzas. Era un combate entre os heroes dun mundo caído e as deidades inexperientes dun panteón por armar. Nos primeiros anos —foron os primeiros meses? Ninguén tivo, ao comezo, a idea de tomar conta dos días— as forzas aínda eran equivalentes: todo o que lles guindaba o ermo exterior era repelido, dos lobos ao escorbuto, da sede aos precipicios, dos monzóns ás canículas. Os seus pés alancaban as serras e os paludes con facilidade, como se as súas almas viaxasen axudadas dun caxato.

Desde o comezo decidiran imitar os primeiros saqueadores da aldea e seguir un raio calquera da converxencia, sabendo que conforme máis se afastaren do núcleo as paisaxes aparecidas a cada lado serían máis diferentes entre si e, por iso mesmo, máis doado tamén coñecer o camiño de retorno. No inicio, a combinación entre o monte baixo e unha estrada abandonada e como demediada por un coitelo era vistosa, mais razoábel; co decurso dos meses, as fervenzas arroiaban sobre os glaciares, que comezaban a desxear torrentes cara a algunha ruína humana. Tal e como acontecera en Franza, o vello e o novo, as partes disxuntas do que había ser, desde ese momento e para case sempre, A Existencia, resistíanse a aceptar a súa nova intimidade. Como todos os enxertos, os que formaban agora o cosmos eran rexeitados polos seus hospedeiros. Mais tamén esa furia sería transitoria.

O mundo era rico, entón; ao menos en beleza e variedade. Pobre era, porén, en seres humanos e nas súas vellas construcións. Que fale agora un dos viaxeiros —cuxo discurso, naturalmente, remedo e exorno, pois a incivilidade de Nova Franza non incentivaba a retórica e apenas permitía o alfabeto:

[Día 1205 desde a partida]

Levamos 1205 días de viaxe; se as contas non me enganan —e poderían facelo, pois en todo o atinente ao tempo somos cada día máis descoidados—, iso son máis ou menos catro anos. Recentemente, durante unha pausa no camiño, discutimos se nestes catro anos chegaramos a achar algún conxénere. Eu sostiven que non, naturalmente; entediado de que a humanidade toda fique restrita aos tres rostros que me acompañan —e ao meu propio, que case nunca teño oportunidade de consultar—, dar cunha nova humana tería sido motivo de ledicias inesquecíbeis. Como algún de nós os catro podía sequera preguntar algo así?

Mais quen inquiría —agora non dou lembrado cal era de nós— fíxome saber o seguinte: “cantos dos inauditos animais que cruzaron o noso camiño non serían —cun bocado de imaxinación, isto é o certo— adscribíbeis á mesma categoría que nós mesmos formamos? Os animais bandullentos e humectados con grandes bigotes que hai ano e medio ollamos reunidos na praia, compartillando un solidario banquete de bocartes: non había neles un indubidábel ar de familia, embora non posuísen o don da palabra? E aqueloutros, os plantígrados peludos que agatuñan nas árbores, non os hai tan diferentes entre si —bípedes ou cuadrúpedes, pelados e cristados, violentos e pachorrentos— como diferentes son de nós? E porén, a todos chamamos macacos”.

O terceiro interrompeu cun aceno de dúbida que o era tamén de alivio: “levo xa varios meses matinando nesa mesma cuestión que non tiven o valor de pór en común. Permitídeme compensar o meu silencio anterior con varias explicacións tentativas. A primeira é teolóxica, e a ela inclínome. Ensináronnos que a deidade que nos goberna é certamente cruel, mais as nosas viaxes confiren o que na Aldea apenas poden sospeitar: que dentro da súa infinita barbarie divina, nós os de Franza somos os seus favorecidos, aqueles con que foi máis dadivoso, pois sabemos facer nós e posuímos as artes das sementes. Conxecturo, en consecuencia: que aqueles animais familiares que vimos en ríos, lagos glaciares e árbores, distintos todos, mais tamén homólogos, son o que ficou da nosa raza en todas as terras ulteriores, malditos sen as dádivas da razón e da facundia”.

“A segunda hipótese é semellante, mais eminentemente laica. O que denominamos humanidade é un simple malentendido pola nosa parte. O malentendido consiste en hipostasiar os trazos rexionais de Franza a un todo que nunca existiu. É até posíbel que a civilización que cremos atesourar acabe de nacer hai moi pouco, e sexa exclusiva da nosa aldea. Na realidade, a humanidade declínase rexionalmente: nós gozamos da palabra, mais os humanos da zona 23 son os señores libérrimos das augas; os da zona 169, que parecen moito inferiores a todo o resto, practican o sexo de maneira incontrolada e constante —o que lles falta de forza ou dignidade lévano de gozo”. Todo o que ten mamas, en suma, é o humano.

“A terceira hipótese é apenas un divertimento. Enúncioa moi logo, escoitade: humanidade é palabra cuxo significado orixinario descoñecemos por completo, e a literatura que herdamos e consultamos na primeira xuventude é, sabédelo ben, de difícil comprensión. A verdadeira resposta é terríbel: humanos son eles, a animalia externa; para nós bípedes —perdidos e novos— aínda non puidemos achar o noso nome xenuíno, e gastamos ese préstamo que nos leva a confusión…”.  

A ausencia evidente de seres semellantes contrastaba coa cantidade elevada de pegadas dun mundo rico e complexo —elevadas para os viaxeiros, mais moi escasas comparativamente: un acaso rarísimo provocou que as seccións decepadas pola converxencia fosen, precisamente, as máis humanamente populadas do orbe, así que o que ficaron apenas as escorias dos nosos tempos:

[Día 378 desde a partida]

Chegamos a unha rara forma de deserto. A herba crece con moita dificultade, embora pareza estar a gañar por fin a batalla contra a placa ósea que recobre aquí a terra. Preguntámonos por que o solo foi selado baixo esta camada do que ás veces parece pedra, outras alcatrán; o viaxeiro máis vello, que sempre gosta do noso desasosego, afirma que foi construída para encarcerar un antigo demo pestífero que ameazou con desolar o mundo. Eu dígolle que por que entón as edificacións, que quen viviría nun lugar tan terríbel; el retruca que o que parecen vivendas non son outra cousa que parte dos glifos sagrados que protexen o lugar, cuxa feitura só apreciariamos se voásemos como as aguias. 

Aliás, este lugar parece ser preferido das aves, talvez porque as alturas desfavorecen os seus depredadores. Alguén da compañía falou dun “santuario aviar” e falou ben. O guano cobre as estradas e o canto combinado de millóns de peteiros volve o ar espeso como o mel. Xogo a imaxinar que esta compañía de paxaros, tan diversos nas cores e nos bicos, non está a chamar á cópula coas súas cantigas, mais a rezar un antigo encantamento para reter o mal durmido so este degretado escudo de pedra.

[Día 698 desde a partida]

Certa pregunta atorméntame nos últimos tempos. Por que, de entre todas as construcións artificiais, humanas ou xenohumanas, aqueles alpendres metálicos teiman en reaparecer unha e outra vez? Non temos nomes para eles, mais caracterízanse por presentaren unha arquitectura altamente homóloga. Teñen grandes teitos sen paredes e depósitos verticais, algo superiores á altura dun humano medio, dos que penduran tubos que acaban nunha billa provista dun disparador que non reacciona ao tacto prénsil. A palabra gasolina, inscrita por toda a parte como un responso, ecoa nas nosas memorias culturais como algo que algunha vez debemos de ouvir; non conseguimos acordar, porén, o seu significado preciso, pois nunca vimos o obxecto que refire. Embora si conseguiramos aclarar que gardaba algunha relación co movemento, non fomos quen de provocar ningunha movimentación misteriosa neses lugares, que xa aprendemos a ignorar cando os divisamos. O certo é que paira sobre os eles un penetrante cheiro descoñecido que os nosos narices recoñecen como baliza de perigo. Adoitan conter, isto é certo, abundante alimento e outras cousas certamente valiosas que non nos podemos permitir carrexar.

[Día 976 desde a partida]

Foi un mal día. Choveu arreo outra vez; outra vez a burra avanzou con pés de la. O alimento, por fortuna, non escasea. Temín durante toda a xornada que nos apañase de novo unha desas noites que duran meses sen un teito enriba; temín, sobre todo, o impacto doutra noite mollada e balorenta sobre o ánimo e os pulmóns dos meus compañeiros. Por sorte, enxergamos no lonxe unha desas construcións familiares terminadas nunha torre e nun sino, que tanto nos lembran a nosa aldea. Como na nosa aldea, moi próxima do predio estendíase unha leira sementada de tumbas; sorprendeume, porén, a cantidade de mortos que pode chegar a acubillar este lugar, contados talvez por milleiros. Pregúntome se, talvez, toda esta xente morreu cando chegou a Converxencia, e se os nosos devanceiros esquecidos foron enterradores cuxa morte foi perdoada para daren descanso a todos os outros. Se iso fose así, naturalmente, debo preguntarme quen nos dará terra a nós.

Os tempos do abraio diario e a reflexión constante sobre o mundo cada día redescuberto foron, porén, esvaendo aos poucos. Xa dixen que os catro mozos alancaban polas terras exteriores coa seguranza de seren indisputábeis, e así foi durante os primeiros anos. Mais un día, o rapaz máis novo torceu un nocello, coa mala sorte de que nunca lle volveu a responder ben e, arrastrando un pouco o pé como unha bailarina extravagante, impuxo unha leve demora con que a expedición cargou desde ese momento en diante.

Nunha ocasión, o máis vello da turma tivo de pelexar cun oso e gañou a pelexa —evento sobre o que rexistraría, tempo despois: “tres días ao sur demos cunha breve aldea de casehomes barbados, furibundos. Certamente foran amaldizoados por alguén. Non coñecen a lei nin a piedade e batallan entre si todo o día. Son incapaces de organización e, por isto, de ameaza futura para a nosa aldea. Puiden derrear un par con bastante esforzo. Antes de facelo, case me levan un brazo”—; durante unha semana todos partillaron carne bravú de oso e festexaron con beberaxe fermentada de bagas. Mais o vencedor daquela lide, tocado desde aquela coa cachola morta dun dos animais, foi ferido no carrelo un ano despois polo corno dalgún cérvido e, primeiro impasíbel, logo atemorizado, morreu dunha sepse purulenta nuns poucos días.

Cando comezaron a pagar os tributos da aventura, alguén —se callar un dos homes intermedios, nin pequenos nin grandes de todo— suxeriu voltaren á aldea e retomaren o posto de cabeza familiar que algunha veciña estaba disposta —de certo aínda o estaría— a lles ofrecer. Mais os outros foron teimosos.

A primeira morte non chegou soa. Deixou tras ela a presenza mefítica que sempre ampara as desgrazas. Uns mosquitos diminutos estenderon algunha malaria entre as súas minguadas hostes. Sobrevivírona todos tres, como xa sobreviviran ao que a terra lles fora botando durante as súas viaxes —pois non mentía a súa soberbia: eran, con efecto, fortes. Mais desde aquel momento o frío calou máis fondo e os dentes afrouxaron nas enxivas. Para os seis anos de vadiaxe as doenzas, as fames e a suxidade deixáranos nun estado irrecoñecíbel —corcovados, encalvecidos, purulentos e ocasionalmente coxos. Ben ollada, esa prontísima vellice non era máis do que un testemuño da súa forza, proba de que sobreviviran tanto como para luciren sobreviventes.

Do que aconteceu despois é pouco o que podo dicir, porque tres dos dietarios non se conservan e o cuarto interrompe a súa narración varios anos antes da fin da viaxe. Estimo —e poupo uns cálculos que, por outra banda, non son difíciles de realizar— que a viaxe debeu continuar para adiante polo menos un ano e medio máis, que nesas datas se viron obrigados a emprender un regreso sen esperanzas e que máis dous homes finaron no camiño de volta. Parece que o día anterior a iniciaren o retorno a palabra escrita perdeu por completo o seu carácter antigamente sedutor; talvez —conxecturo— porque os escribas, severamente danados, aceptaron que xa nunca habería unha lectora, un regreso, un lume, un leito. A última entrada de diario consta apenas de tres palabras crípticas, “[Día 2.349] é un anel”,e unha anotación bastante posterior, de certo rascuñada con algunha caneta de tinta sequísima saqueada nalgunha área de servizo, como para atrapar unha iluminación a piques de evaporar: movíase (?).

Os despoxos daqueles catro homes fortes repousan hoxe moito máis lonxe de onde nunca ninguén da aldea chegaría en centos de xeracións; as súas caveiras son o monumento subterráneo dunha valentía única de que ninguén ouvirá falar nunca alí onde naceron. Nos oito diarios de exploración escritos con prosa torta de aventureiro, entre frases e frases recosidas polo único fío da reiterada conxunción copulativa, contíñase un mapa preciso dun dos moitos camiños abertos pola converxencia: dos alimentos aos animais, das ruínas aos locais habitábeis, dos perigos ás fortunas. Estimo que eses volumes xacen onda os seus escritores, isto é, nas súas tumbas naturais, e que foron rillados, despois de amofaren, polos mesmos vermes que espurrucaron as súas oseiras.

Con todo, moitos anos despois chegou a Franza un homiño avellentado de costas cangadas que se derrubaban sobre un caxato. Parecía un augur e buscaba un leito para morrer. Unhas febres pálidas parecían consumilo entre tremores. Daquela o tempo aínda bailaba un ritmo alegre e os rostros esquecíanse facilmente, porque os seus portadores duraban pouco no mundo. O vellote foi recibido como un estranxeiro —como o primeiro estranxeiro da nova historia— e, a pesar de todo, foi tratado como un natural sen demasiadas preguntas. Afásico ou talvez desinteresado xa pola comunicación, aceptou o disfarce de ancián emigrante e, cando preguntado polo que había alén, por se había outros coma el de onde viña, finxía non poder lembrar nada da súa vida anterior e apenas respondía —cando accedía a responder: “Non hai nada. Cinco anos de travesía e despois o nada. Franza é a última illa do mundo”.

5 comentarios en “A Converxencia. Capítulo 4

  1. gustoume este, creo que o que máis dos 4 que lle levo lidos a este proxecto. é facil saber por que: é unha historia pechada con protagonistas mais ou menos definidos (é certo que os nomes non importan), cun inicio, un desenvolvemento e un final. esta historia ten un magnetismo propio que a novela necesitaba con urxencia. Na miña opinion este é o camiño adecuado para contar os feitos da converxencia.

  2. Sen dúbida hai un xogo intelixente coas verbas, as ideas e esa paisaxe desordenada creada pola Converxencia. A distorsión forma parte tamén do discorrer do relato, con saltos adiante e atrás nos días dese dietario.
    Vexo unha reflexión sobre a nosa especie e o seu andar nos tempos. Fixeron falta persoas ousadas, rebeldes, transgresoras, saqueadoras… que arriscaban todo por una fazaña. Imaxono, por exempo, as primeiras viaxes ás Ámericas. Algúns, diferentes a Colón, non contaron a historia, pero serviron para que outros poideran ir máis alá.
    Outra pincelada que me gusta é esa visión das estradas, a gasolineira ou o camposanto, con ollos doutros tempos e dos que non coñecen os usos esas infraestructuras.
    Chámame a atención que os viaxeiros poideran ler e escribir, dado o que vimos en capítulos anteriores. Pero como hai saltos no tempo, pode que isto sucedera antes.
    Hai un soberbio uso do léxico e unha maneira atrevida e subrealista de contar as cousas que despertan a miña admiración.

  3. Noraboa pola prosa, dá gusto lelo, aínda que por veces a densidade e a construción prolixa reclama moita máis atención da que eu adoito prestarlle a unha novela.
    Entendín, e quizais estou errada, que o ancián que chega a Franza é un supervivinte destes catro. Vai collendo un ar tétrico, de desesperanza para a humanidade.
    A estas alturas, xa nos tés afeitas a aceitar as incoherencias do relato como parte dun mundo para real, mesturando o que coñecen e o que non. A súa linguaxe culta nas pasaxes en primeira persoa contrasta coa ignorancia do noso mundo. A orde patriarcal intacta tamén me suscita dúbidas. A teoloxía destes personaxes apegados á subsistencia e ignorancia tamén me sorprende, pero creo que conseguiches unha especie de autoridade na ficción de xeito que aceptamos todo aquilo que nos presentas.
    Só se me ocorre unha suxestión de mellora, e é que os catro non fosen tan parecidos (todos altos, fortes e morenos). E unha dúbida con respecto ás igrexas que non recoñecen como lugares sagrados, pese a manter esa relixiosidade parece que orixinal ou herdada da cultura anterior á converxencia.
    Encantoume lelo, penso que estás construindo unha obra interesante, e, sobre todo, moi ben escrita.

  4. Gústame. Paréceme que está ben o feito de que haxa agora catro personaxes, que interactúen entre sí e co medio. O de catro homes… gustaríame que tivera habido algunha presencia feminina, pero bueno. A prosa é moi orixinal, e está bastante sólido o espazo da converxencia que, malia que sexa complicado de imaxinar, fórmase sen moitas dúbidas na cabeza. Tamén me gusta moito moito a estrutura dos diarios, un recurso moi verosímil neste escenario. Pregúntome como serán os seguintes capítulos, se Pablo volverá ás descripcións ou se pola contra esta historia comezarase a desenvolver un chisco máis.

  5. Excelente narración a deste capítulo, as veces con moita “argamasa” pero coa historia máis fiada polo de agora. O final do capítulo co homiño avellentado tamén me gustou moito.

    No que non estou tan dacordo é no de que os nomes non sexan importantes, aínda que o nome sexa home número un, xa que se convirte nunha ancora ao que se pode aferrar a persoa que le a historia, axuda a empatizar cos personaxes. E mesmo aínda que na narración principal non apareceran, si sería lóxico que se amosaran na bitácora dos viaxeiros, iso é algo que me decoloca un pouco.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s