A Espada do Metal: 4. A pescuda

Cheminea apagada. JOSEFINE STENUDD/FLICKR.

Lois Z.

Un novizo con cara de querer estar facendo outra cousa conduciu a Olimpia De Wylde ata a Sala da Sagrada Especulación. Os aspirantes que acudían á Áurea Chamada ocupaban os seus primeiros anos servindo na Corporación da Divina Moeda, coñecida tamén polo vulgo como a Academia de Paladíns. Eran rutinas que De Wylde recordaba ben, pois pasara por ese mesmo aro cando na súa xuventude creu estar destinada a converterse nunha abnegada Defensora da Fe, a Xustiza e a Renda per Capita.

Foi recibida con indiferenza, case se podería dicir que con hostilidade, polo teso sorriso de ouro do Excelentísimo Arquibanqueiro Markussen Guindastre. Acompañábano o Grande Investidor Pretonio Gonsalves, embutido na súa armadura de placas repleta de selos de pureza, e o Primeiro Contable, Terentius Minmax, permanentemente oculto debaixo dunha capucha tres talles por riba do seu. Un clérigo sen rango nin distintivos completaba a recepción.

A Sala da Sagrada Especulación estaba deseñada para abraiar o visitante. Tratábase dunha enorme habitación circular abovedada á que se tiña acceso por dúas xigantescas portas dobres. O mosaico do chan representaba a cara dunha moeda e o fresco da cúpula mostraba a imaxe de Blabladar, o deus do Beneficio, unha figura impoñente e seria que se representaba cunha man aberta pedindo o que se lle debía e coa outra pechada negando máis crédito.

O mobiliario e os adornos da sala estaban bañados en ouro e asegurados a todo risco.

―Crin que viña vostede en calidade de oficial; ou é que a Garda de Ribanosa perdeu o bo costume de uniformar as súas levas

Cada frase do Arquibanqueiro soaba coma unha orde de desafiuzamento. Os seus beizos apenas se separaban para deixar saír unha voz grave que retumbaba con solemnidade e aleivosía nos estómagos dos oíntes. Markussen e De Wylde foran compañeiros de estudos na Academia. Visións diferentes do que significaba servir á xustiza remataron coa súa amizade. Olimpia renunciou á carreira mentres Markussen ascendeu ó pico do poder a base de cortarlles mans ós rateiros e aplicarlles sancións económicas ós nigromantes, escravistas e nobres corruptos.

―Non te preocupes, Marquiños ―O Arquibanqueiro tensou o queixo―. A Garda segue mantendo esas tradicións que tanto che gustan. O que pasa é que formo parte dun corpo experimental, unha cousa nova, cuns protocolos especiais. Non usamos uniforme nin levamos armas. Chámannos os Indagadores. Ó mellor escoitaches falar de nós ―De Wylde sacou un pequeno caderno de notas e unha pluma.

―Non tiven o pracer ―admitiu Markussen con máis dignidade ca ganas―, pero si sei que informamos a Garda de que xa se encargaría a Corporación de atopar o noso socio desaparecido. Habilitamos varias capelas para que os novizos recen por quendas polo seu regreso. Xa debería vostede saber que nos gusta resolver os nosos propios asuntos en privado ―remarcou.

―Desde logo. Non pretendendo inmiscirme na busca ―deulle corda De Wylde―, pero, dado que o voso home se esfumou mentres permanecía aloxado nunha pousada da cidade, non nos queda máis remedio que meter un pouco o nariciño nos vosos asuntos e descubrir, se é posible, como desapareceu, por que e onde se atopa nestes momentos. Como diriamos utilizando a xerga do noso departamento: “abriremos unha indagación independente”.

O Arquibanqueiro non estaba acostumado a que os ollos dos seus interlocutores estivesen á mesma altura ca os seus. Incluso se podería dicir que algún rizo díscolo da muller superaba a altura do seu alisado cabelo castaño chapado en ouro. Lamentou non ter traído o casco de plumas de Fénix.

―Non é tan estraño que, de cando en vez, algún socio renuncie a seguir levando a súa pesada carga e deixe a Corporación ―O sorriso do Arquibanqueiro volveuse de repente máis sincero e máis perverso―. A vergoña que iso implica fai comprensible que o noso benquerido socio deixase a cidade poñendo especial coidado en non ser visto. Dixéronme que deixara atrás as súas armas e equipo. O máis lóxico é pensar que se disfrazou de mendigo ou garda para pasar inadvertido entre a plebe. Xa aparecerá.

―Si, é certo. O pousadeiro declarou que o paladín deixou no cuarto as súas armas e armadura, as apócemas e a súa roupa ―A indagadora De Wylde lía no seu caderno. Markussen asentía triunfal―. Pero vaia! Si que levou algo con el.

―O que? ―preguntou o Arquibanqueiro sen mostrar o máis mínimo signo de curiosidade.

―A cama.

―Quere dicir unha manta, un saco de durmir?

―Non. A cama onde durmiu esa noite. Modelo king size, madeira de carballo, dosel de seda de Tilea, colchón de plumas de ganso e sabas de flanela ―Pechou o caderno e devolveulle a mirada ó seu antigo compañeiro―. Faría iso alguén que quere pasar desapercibido?

O Arquibanqueiro deuse conta de que o máis intelixente era non contestar. A entrevista convertérase nun duelo no que a súa rival dispoñía de mellores armas. O Grande Investidor Petronio, non obstante, non quixo que o silencio do seu superior pasase por debilidade e lanzoulle a De Wylde unha resposta no seu lugar.

―Que importancia ten esa maldita cama? Esconderíaa en calquera sitio antes de fuxir.

―Como por exemplo, onde? ―preguntou Olimpia.

―Alguén mirou na cheminea? ―O Grande Investidor non era dos que recuaba.

―Non me consta.

―Pois aí o ten. E agora remate o que viñese facer aquí e marche dunha vez, por favor.

O Arquibanqueiro e os seus escoltas despedíronse como dita o protocolo, trabando a sagrada moeda que lles colgaba do pescozo, e deron por disolta a reunión antes de darlle liberdade a De Wylde para levar a cabo as súas pescudas na Academia. A indagadora quedou a soas co último integrante do grupo, que se presentou como o Paladín Administrativo Fenton, un asistente forzoso que a Academia lle endosara coa aprobación dos capitáns da Garda, sempre dispostos a quedar ben coa Corporación da Divina Moeda.

De Wylde xa estaba ó tanto de que tería que compartir todos os seus achados coa Academia. Fenton era un clérigo de idade indeterminada, sen un pelo na cabeza, fraco e baixo, e cuns ollos que berraban que isto era o máis emocionante que lle acontecera na vida. De Wylde pediulle un habitáculo cunha mesa, dúas cadeiras e unha candea, e que lle enviasen alí de un en un todos os que coñecesen ben ou tratasen co paladín desaparecido nos últimos días.

―Jhonante non é dos que eluden os problemas. O seu estilo é desenvaiñar e enfrontarse a eles.

―As armas son o único amor na vida de Jhonante. Ata din que dorme cunha.

―Se Jhonante ten inimigos? Ha! Está de broma? Orcos, ogros, goblins, trasgos, osomouchos… Ten centos de inimigos!

―Cando sae de aventuras, Jhonante sempre busca novos desafíos ós que enfrontarse. Non devece nin polo ouro nin polas xemas. Como é esa frase que sempre di? Ah, si: “o importante é a experiencia”. Todos queren facer grupo con el.

―Eu adoitaba adestrar con el. Os rapaces da Academia chamábanlle Jincho, non sei por que. A el non lle parecía mal, penso que ata lle gustaba. Jincho daba bos consellos e mellores malleiras. Que por que falo del en pasado? Eu sempre falaba en pasado.

Fenton observaba fascinado mentres a oficial da garda facía anotacións no seu caderno.

―Este era o derradeiro ―anunciou o clérigo. De Wylde torceu os beizos―. Puido sacar vostede algo en limpo das entrevistas?

―Talvez. Non me interpretes mal ―tentou aclarar ela―, o que quero dicir é que aínda non o sei. Ah, e atúame, por favor.

De Wylde pediu ver o cuarto de Jincho na Academia. Nel había unha cama pequena e unha lacena onde repousaban materiais de aseo persoal e para un bo mantemento do equipo do aventureiro. Nun armario había aceite, corda, racións de viaxe, un saco de durmir, apócemas de curación. Olimpia quedou un anaco mirándoo todo, coma se quixese gravalo na memoria.

―Ben ―dixo por fin―. Agora toca ir á pousada, ó último lugar no que foi visto. Teño que me atopar alí con alguén.

―Xa sei que a miña compaña che foi imposta, pero gustaríame poder axudar de verdade nesta… indagación ―soltoulle Fenton cando abandonaron a Academia.

A De Wylde fíxolle graza. Ata parecía sincero.

―Dime, Fenton, ti que agardabas da túa vida cando entraches a servir na Corporación da Divina Moeda?

Era hora punta no Xato Verde. De Wylde e Fenton abríronse paso ata a barra e pediron ver o cuarto no que pasara a noite o paladín desaparecido. Atendeunos Tgebug, o fillo da propietaria. De Wylde tivo que mostrarlle un cartonciño que sacou dunha bulsa do gabán para que aquel home crese que pertencía á Garda da cidade. Tgebug queixouse de que aquel era o mellor cuarto da pousada e a Garda non lles permitía aloxar alí a ninguén. De Wylde respondeulle que poderían facer uso del en canto ela rematase de buscar pistas.

―Buscag pistás? ―contraeuse Tgebug―. Acasó é istó unha especie de xogó?

Subiron os tres ó segundo piso e detivéronse ante a última porta.

―Que é iso? ―preguntou Fenton sinalando unha corda que se anoaba en forma de X sobre a porta da habitación.

―Non quería que entrase ninguén aquí sen o meu permiso, así que avisei de que as quería ver intactas cando volvese.

Tgebug insistiu en entrar con eles.

―A mamá di que a Academiá debé pagag a camá? ―meteu baza en canto puido.

―Trasladareille a súa petición ó Arquibanqueiro Markussen ―respondeu Fenton―. Seguro que lle agradará discutir os detalles coa vosa nai.

―Co Agquibanqueigó? ―titubeou Tgebug―. Ohlalá, non quegegiamos molestag o Agquibanqueigó pog unha miudezá coma está, vegdade? Nonono, queda pagó, queda pagó.

Era unha estancia dunha soa peza, fácil de montar e desmontar. O exceso de espazo dáballe certo aire de opulencia. Se unha persoa con cartos planease aloxarse no Xato Verde, esta sería a súa elección. De Wylde debuxou un esquema no seu caderno. Unha ollada superficial non desvelaba nada relevante. O rexistro das pertenzas de Jincho, completas e intactas, tampouco daba pistas sobre o que ocorrera. O único que destacaba era a ausencia da cama.

―Non hai marcas no chan ―observou a oficial―. Tgebug, queixouse alguén de ruídos fortes aquela noite?    

O rapaz negou coa cabeza.

―Non a arrastraron nin a desmantelaron. Calquera cuestión sobre a cama conduce a unha rúa cega. Ignorarémola de momento. Como e por que abandonou Jincho o cuarto? ―De Wylde achegouse a unha das fiestras. Abríase na fachada principal da pousada, que daba á praza Menor.

―Talvez o Archibanqueiro ten razón e ese tal Jincho marchou de Ribanosa coa maior discreción que puido ―propuxo Fenton interpretando o seu papel.

―Ese comportamento non casa co seu perfil ―afirmou De Wylde―. Ademais, por que se ía molestar en que quedasen cerradas por dentro a porta e as fiestras? ―Sinalou os pechos pasados―. Tivo que usar outra vía de escape, pero cal?

―Podé que pola chemineá? ―animouse a dicir Tgebug.

Descargaron a súa atención na cheminea. Mirárona longamente. Como unha solución rápida Tgebug, como un irresoluble problema Fenton e como unha cheminea De Wylde. A indagadora achegouse a ela incrédula ante a idea de anicarse e escudriñar por ela arriba por se o paladín e unha cama con dosel se achaban alí escondidos. Tgebug e Fenton deron un paso atrás sen quitarlle ollo á asexante negrura que desprendía o seu inquietante oco.

―Desculpen, está aquí a indagadora…? Oh, síntoo, non era a miña intención asustalos.

Esa voz non proviña da cheminea, senón da porta, e tampouco de ningún paladín, senón dun mago. O maletín e o traxe negros delatábano como un dos especialistas da Garda en detectar e neutralizar ameazas preternaturais.

―Ah, es ti, Edwynn! ―exclamou De Wylde recompoñendo o rostro―. Chegas pronto.

―En realidade… ―riu o mago, xa entrado en anos, deixando a frase sen remate.

―Si, xa sei, os magos chegades cando vos sae da variña ―cortou a indagadora―. Edwynn, necesito saber se se practicou maxia neste cuarto nos últimos días.

―Pog favog!? Está é unha casa decenté!?

O indagador máxico ignorou as protestas do rapaz e iniciou a súa rutina.

―Eses obxectos máxicos ―dixo o experto referíndose ó equipo de Jincho― esborranchan a definición dos feitizos, sería posible retiralos da…?

Cando atenderon o seu mandado o mago extraeu diversos compoñentes do maletín, que se consumiron nas súas mans ó recitar inintelixibles palabras en lingua arcana.

―Agora vou abanear un pouco as mans, non vos espantedes. Scio, Didici, Pecto! ―O conxuro creou un chispazo de luz no aire―. Abofé que… Este lugar sufriu os efectos dunha maxia estraña e… Pode que a noite pasada. ―bisbou o mago.

De Wylde sorriu satisfeita, coincidía co momento da desaparición.

―Unha vez que o imposible foi descartado ―recitou a indagadora―, o que resta, por improbable que pareza, tivo que ser obra da maxia. Que máis me podes dicir sobre o feitizo que se lanzou? ―De Wylde percibiu o desacougo na face do mago―. Edwynn, que sucede?

Edwynn, ensimesmado, ía pasando o dedo polo contorno do lugar.

―Alí! ―Sinalaba a cheminea―. Non logro identificar a súa esencia máxica, pero ten a mesma rúbrica ca o conxuro que lle afectou ó cuarto.

Ninguén ousou moverse ata que De Wylde deu un paso adiante, decidida a descubrir que era o que alí se agochaba. Edwynn lanzoulle un conxuro de resistencia máxica.

―É perigoso? ―preguntou Fenton.

―Que lle pasou ó tipo que…? ―foi a resposta do mago.

De Wylde achegouse á cheminea, colleu un atizador e comezou a remexer nas cinsas. De repente sentiu algo que se movía detrás dunha cavaca calcinada.

―Squiiik!

―Unha rata! ―exclamou a indagadora sorprendida.

O atizador desfixéralle o acubillo, pero o animal non escapou. De Wylde puxo as luvas e botoulle as mans. A rata deixouse coller.

―Nestá casá non temos gatás! ―Tgebug tomou a iniciativa―. Pagámosllé ó ggemió de aventugeigos paga que se encaggen delas puntualmenté. Esa gata tivo que entgag con messié paladín.

De Wylde fixouse en algo que estaba cravado no lombo do animal. Era un fragmento de metal plano e afiado. Ripoullo da pel con coidado.

Tgebug ouveaba improperios con acentos circunflexos.

―Edwynn, é esta rata o que vían os teus ollos de mago?

O interpelado tardou en reaccionar.

―Si. Non. Levareina de inmediato ó Colexio de Maxia para que a… ―Edwynn achegou unha man ós fociños do animal, que o cheirou con curiosidade de roedor―. Só por se acaso.

―Levareina eu mesma cando remate coas indagacións. É proba do que aconteceu aquí, non podo entregarcha sen máis ―razoou De Wylde.

O mago comezou a recoller as súas cousas con mal ánimo.

―Irei ver o Reitor mañá á primeira hora ―soltou―. Ese é o tempo que podo… Non a perdas ―rematou severo sinalando a rata―, é máis perigosa do que…

―Non nos pode deixar así, señor Edwynn ―Fenton saíu de repente do seu estupor―. Sabe algo que non nos quere dicir. Por que lle dá tanto medo esta rata?

―Iso non é unha rata ―admitiu o mago, coa man xa na porta―. Pode que o aparente á nosa vista, pero non é o que… Apostaría a gravata a que esa criatura non pertence a este plano. Tivo que chegar desde onde se lanzou o conxuro que… É unha clase de maxia nada común, moi poucos… ―O mago tiña o molesto costume de non rematar as frases.

―Edwynn ―A indagadora púxose seria―. Dáme un nome.

Edwynn claudicou. Sacou unha pluma do peto e pediulle o caderno a De Wylde. Escribiu algo na última páxina, devolveullo e marchou sen despedirse.

Tgebug, que aínda non recuperara o don da palabra, acompañou a De Wylde e a Fenton ata a saída. O clérigo deixou dito que mandaría alguén para que recollesen as cousas de Jincho. A indagadora, que levaba a rata con ela no peto, parecía ter a mente noutro mundo.

―Tgebug ―De Wylde xirouse cara ó mozo cando xa tiña un pé no empedrado da praza―, quen pagou o cuarto?

―Foi a Academiá. Unha noité e pog adiantado.

De Wylde notou que Fenton quedara perplexo ó escoitar aquilo. Anotou no caderno. “Aducido por seres doutro plano”. Dedicoulle un minuto a estudar a frase. Definitivamente non lle gustaba como soaba.

―Grazas pola axuda con Edwynn ―díxolle a indagadora ó clérigo―. Tiveches boa intuición.

Fenton aceptou o eloxio encantado.

―Non sei moito sobre maxia ou facer indagacións, pero si sei cando alguén oculta algo.

―O adestramento na Academia, por suposto ―riu a indagadora―. Detectar mentiras nunca foi o meu forte cando era noviza. Por certo e falando diso, vou requirir da túa axuda de novo. Necesito saber por que un aventureiro ó que non lle interesan o luxo nin as riquezas se aloxou no mellor cuarto do Xato Verde e quen emitiu a orde de pagamento do seu cuarto. Tamén necesito ver o seu historial disciplinario.

Fenton non chegara a ler o que o mago escribira no caderno da indagadora.

―Está ben. Indagarei sobre iso. Podemos atoparnos máis tarde en…

Deixou a frase sen rematar. De Wylde sorriu aceptando o envite. Abriu o caderno e amosoulle a última páxina: “Jarlockt, Outeiro do Muíño s/n”, e debaixo, subliñado, “Metamaxia”.

De Wylde dixo que se ocuparía mentres tanto da ferida da rata, de mercarlle unha gaiola e atoparlle algo de comer. Polo momento non podían facer máis que preguntarse onde demos fora dar o Jincho.

Advertisement

8 comentarios en “A Espada do Metal: 4. A pescuda

  1. Xenial! Este capítulo rompe cos anteriores e danos moita información sobre a orixe do heroico paladín. Preséntanos un plano diferente do universo da obra, con tramas e persoiros ben diferentes. No obstante, quedan recollidas as vilezas dos seres (humanos ou demoníacos) e todos eses planos.
    Seguimos coa sorrisa que nace nesas situacións. Encántame a indagadora desde o primeiro momento. Intelixente, segura dos pasos que da e excelente profesional.
    Hai detalles moi ben traídos (“con cara de querer estar facendo outra cousa”), o acento francés do mozo, o cura con vocación de investigador…
    E nacen novas intrigas. Quen facilitou esa viaxe máxica do Ghincho?
    Espero ter este libro rematado na man, gozar coa súa lectura e seguro que será deses nos que non queres chegar á última páxina.

    • É certo, cres que deberia ser Ghincho en vez de Jincho?
      deixame contento que vexas esta historia como un libro que poidas ter nas mans algun dia.

  2. Noraboa, este capítulo recoloca a historia e inventa un novo plano, que non poderiamos chamar real, desde logo, pero que se move con personaxes máis parecidas a nós. E ademais fainos ver que o tal Jincho (por certo que me gusta máis a proposta de Ghincho) non era un probe home senón un axente secreto, ou algo así, dunha instancia malévolamente relacionada con moedas, banqueiros e cregos, moi ben.
    A escritura fíxose máis elaborada, e iso gustoume tamén. Os primeiros capítulos eran algo caóticos, quizais por descansar case exclusivamente nos diálogos.
    O que máis me custou foi seguir o principio deste texto, ao teren os personaxes nome e apelidos e usar indistintamente os dous, fíxoseme algo difícil.
    E por fin aparece un personaxe feminino, sen que se explique a razón de que ata agora non o fixeran.
    Interésame máis a historia agora, e éntranme ganas de seguir lendo, sen dúbida. Penso que atopaches moi boa vía, aínda que vese que che gusta meter moitos personaxes, iso paréceme arriscado.

    • tes razon, non só meto moitas personaxes senón que me gusta chamarlles de formas distintas (ós mesmos). Teño que regular iso. Falando diso, haberá que cambiarlle o nome a Jincho enton! Mais nomes, viva viva!
      A ver se me colle xa no prox cap a explicacion de por que so hai demos masculinos.

  3. Guau. Encántame este cambio de esceario e penso que lle da moito aire á novela pois, se ben estaba escrita cunha prosa moi boa, con todos os caracteres construidos dun bo xeito, este aire novo da frescura, máis ganas de ler. A aparición dun novo imaxinario abre ás portas a un novo mundo que complementa o mundo pasado. Penso que é unha estratexia moi moi boa que fai que na lectura de súpeto apareza este cambio e quedes enganchada, parabéns.
    Concordo con Mercedes con que o uso dos nomes pode resultar complicado, pero esta escritura con tantos caracteres é algo persoal, quero dicir, un gusto. Paréceme fantástico.

  4. Este é o capítulo máis narrativo polo de agora, e funciona moi ben. A parodia do xénero heroico da que falaba Lois Z na presentación do proxecto atopase aquí moi ben representada nas pescudas sobre cama, unha secuencia moi divertida. Agora temos que ver se regresamos a Ghincho (a min tamén gústame máis así) e os demos, e imos alternando ata que se atopen coas pescudas da indagadora De Wylde.

    O único o vexo un pouco extenso, quizais con algúns diálogos máis curtos?

    quedo con ganas de ver por onde vai continuar o seguinte capítulo.

    • é curioso, este é o capitulo mais curto (en caracteres) dos 4 (bueno, quitando o primeiro). pero entendo por que parece mais longo. Unha liña de dialogo lese mais rapido que unha de texto normal.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s