Os mortos, di aquel, virán. Interludio. Parte I

Sobre selado. JUSTIN HENRY/FLICKR.

Víctor Pérez.

CORO:

É a verdade: estamos en demasía xuntos entre as paredes antigas de Elsinor. Un home é il mesmo, e asemade unha grea de homes, uns donos de seu, criados outros, e cada quisque arrastra por cámaras e corredores os vagos pensamentos propios, os soños, as arelas, as inquedanzas e as iras, a ambición, a luxuria, o medo tamén. Estamos mui apertados en Elsinor.

O incerto Señor Don Hamlet, príncipe de Dinamarca, Álvaro Cunqueiro.

Vilaningures, 23 de febreiro de 1981

10:00. Paco estaba a peitear o seu topete bañado en brillantina cantaruxando nun spanglish bastante defectuoso “night fever night feverrrrr, yu can trole miusic”. El era o Tony Manero de Vilaningures, e estaba seguro de dúas cousas, unha que a vindeira fin de semana ía triunfar na discoteca Troula ás aforas da localidade, xa na estrada nacional, e outra que Travolta e el conservarían para toda a vida esas matas abundantes de pelo negro.

Ben, tamén se atopaba bastante seguro de que despois do día de hoxe, todo ía volver ser como antes, iso é o que lle dixera o seu pai a noite anterior, cando despois de cear lle contou algúns detalles da visita que realizara na Coruña, xunto con outros mandos, ao gobernador militar. A súa conversa rematou cando lle deu un sobre cunha lista de nomes escrita a maquina, aínda que con algúns máis engadidos a bolígrafo, non sen antes indicarlle que copiase os vinte que estaban subliñados en vermello nunha folla nova. Despois debería gardar a lista orixinal no sobre e pechalo. Ao día seguinte tiña que levar o sobre á conserveira e entregarlla en man a don Eladio, e despois de que este lle dixese que todo estaba correcto, ir ao cuartel da Garda Civil e entregarlle a folla cos vinte nome copiados a man ao tenente Malasaña.

Decidiu pasar polo baixo onde estaban a piques de rematar as obras e que en poucos días inaugurarían o novo bar do lugar. El quería poñerlle de nome Night Fever, pero o seu vello dixera que nin de broma, que se lle poñían ese nome en inglés, Febre Nocturna, a un local con luces de neon, a xente ía pensar que era un local de alterne, así que finalmente o convenceu o nome de Marcho pra Casa, que era o que lle recomendaran os colegas cos que saía as fins de semana. Cando estaba chegando ao final da rúa Baixamar tropezou con home de pelo longo e barba, era o profe ese novo do instituto, o que se fixera tan amigo do mamalón do Xoán. O home desculpouse mentres el apenas emitiu un gruñido e apalpou a mandíbula onde o Xoán lle dera unha boa hostia o día anterior. Como se chama este paspán?, Benito?, non, Beto?, non, Bieito.

11:00. Bieito desculpouse sen minorar o paso, chegaba tarde ao instituto. Ese día non tiña clase as dúas primeiras horas, e aproveitara para ir tirar unhas fotos para a renovación do pasaporte. Ademais, Paco non lle caía demasiado ben, sempre estaba a meterse con el e coas súas amizades cando se atopaban as fins de semana, no Casino polas tardes ou na discoteca polas noites. Portábase coma un baboso e un facha, así que quedou máis tranquilo cando este non lle prestou atención na rúa.

Chegou á aula cinco minutos tarde, e tardou outros cinco minutos en recuperar o control da clase. Hoxe tiñan que falar de Shakespeare, das traxedias, Romeo e Xulieta, Macbeth e Hamlet: “Ser ou non ser”, e que aproveitaría para falarlles da versión de Álvaro Cunqueiro, O incerto señor Don Hamlet, que ademais era a obra que escolleran  no grupo de teatro afeccionado que estaban organizando no Casino, Teatro de Algures. O certo é que a Bieito o que lle gustaría sería dar Lingua e Literatura Galega e agardaba quedar o tempo suficiente en Vilaningures para ser lembrado como o primeiro profesor desas materias da vila, escribir a gran novela galega dos anos oitenta e conseguir unha praza fixa na universidade.

No recreo acércase pola cafetería e pide un café e un bocadillo de tortilla francesa. Saca da súa carpeta uns panfletos do BN-PG e uns carteis do acto en Monforte onde vai intervir e recitar uns poemas Manuel María no mes de febreiro. Bieito como veciño e militante está desexando ir á casa e tomar un bo cocido na casa materna. Ademais tamén estará Saleta e outros amigos da localidade aos que hai tempo que non ve. Os ventos de cambio teñen que mudar nun potente furacán que quite os caciques que aínda quedan e deixe un ceo limpo e un novo tempo de liberdade real. Na carpeta tamén atopa a folla rota do caderno de Xoán co poema que lle ensinou onte e que lle pediu que revisase. A verdade é que para non ter formación universitaria ten moito talento, pensa, e nótase que é un tipo moi lido. Na marxe da folla, Bieito escribe o primeiro verso que non foi arrincado, Os mortos, di aquel, virán.

Nese intre chega Marta, senta ao seu lado e pregúntalle que tal está e se tirou as fotos para os pasaportes, que está desexando que vaian todos a esa viaxe a Irlanda. De socate Marta levántase ao tempo que soa a campá que anuncia a fin do recreo e marcha cun até logo farfallado sen case despegar os beizos.

12:30. No cuarto de baño dos profesores, Marta está sentada no vaso do váter despois de vomitar a macela que tomara no recreo. Xa ía para dúas semanas que lle tiña que ter vido o período, e ela era moi regular. A iso sumáballe os mareos e vomitonas, pois branco e en botella. Non quería ir á consulta do doutor Péndellas, que aínda facía a proba da ra, así que quedar esa tarde coa súa amiga Loli, que era manceba na farmacia da vila e que lle comentara das probas de embarazo que tiñan agora, dixéralle que ata traían probeta, que aquilo parecía un xogo de química. Despois pensou en Xoán, que aínda non sabía nada, el tivera que poñerse a traballar porque facían falla os cartos na súa casa, e non poderá rematar o COU. Ela puidera estudar na universidade e agora estaba de volta na vila e dando clases de Ética en 1.º e 2.º, e de Filosofía en 3.º no instituto. Sabía que ás veces el se sentía inferior por iso, mais dende que comezaran a saír cando ela volveu da capital ao, rematar o primeiro curso da carreira, ela sempre o animou a ler moito, a rematar os estudos e a aforrar para matricularse cando puidese. Lembraba mesmo que nalgunhas ocasións se enfadaba con el cando regresaba á vila algunhas fins de semana e el parecía máis interesado polas clases da universidade e os actos culturais aos que ía na capital que por como se atopaba ela.

Na clase de Ética de 2.º xerouse un intenso debate sobre se os homes e as mulleres podían facer os mesmos traballos. A maior parte dos rapaces dicían que non, que os homes ían ao mar e que as mulleres traballaban na conserveira porque non era tan duro. Algunhas rapazas dicían que por suposto, que podían facer o mesmo que calquera home, aínda que varias preferían non facer traballos tan físicos. Marta aproveitou para poñer unha diapositiva onde unha muller duns cincuenta anos cargaba sobre a súa cabeza un atado de leña dúas ou tres veces máis grande ca ela, toda a clase soltou unha exclamación ao mesmo tempo. Outra diapositiva máis, agora dunha mariscadora cun capacho dos grandes cheo nunha limpeza para coidar as zonas de marisqueo. Sorriu sabedora de que marcara un tanto a favor da igualdade, e pediulles antes de rematar a clase que falasen coas mulleres da súa familia sobre as tarefas que facían na casa e fora da casa, e que a vindeira semana falarían sobre ese tema.

Xa estaba disposta a marchar cando a nova administrativa do instituto, Mercedes, lle fixo un aceno para indicarlle que tiña unha chamada para ela. Era Xoán que a chamaba para desculparse de que non podía ir a xantar con ela porque lle xurdira un problema no traballo. Notouno algo alterado, pero como tamén ela estaba nerviosa pola proba que ía facer pola tarde decidiu non preguntarlle nada máis e quedaron para a noite no A Nosa Terra.

14:15. Xoán colgou o teléfono, saíu da cabina e apertou o paso para chegar canto antes ao cuartel da Garda Civil. A carraxe invadíao con só pensar na imaxe da súa barca cun forte golpe a estribor, un remo partido á metade e coa pintada en vermello que poñía “rojo maricón, irás al paredón”. A mesma barca que fora antes do seu pai e que prometeu coidar para sempre dende que cumprira quince anos. Tiña claro que foran Paco e mais os seus colegas, fodidos pola hostia que lle metera a Paco a noite anterior, mágoa non lle ter dado forte cun pau nas pernas, pensou, ao mellor así quedaba na casa.

Co ben que comezara o día. Marta quedara a durmir na súa casa. Trouxéralle de agasallo unha edición de segunda man de Cantares Gallegos, cunha portada na que aparecía unha muller cantando, unha gaita e unha pandeireta, gustáralle moito aquel aspecto tan moderno. El tiña unha idea moderna de Rosalía, da súa poesía, de como facer que as palabras conten. Marta fora a súa táboa de salvación, cando tivo que deixar o instituto antes de rematar COU para poñerse a traballar despois da morte do seu pai. O primeiro que sentiu foi rabia, contra o seu pai por morrer e contra as inxustizas sociais da vila, xa que o armador do barco no que afundira o pai, Gráciano, o irmán pequeno de don Eladio, aos dous meses da traxedia xa tiña no porto outro cascallo vello e enferruxado onde outro grupo de mariñeiros sen esperanza ían xogar a vida para que o señorito puidese seguir lucindo o seu convertible made in USA.

A ira deixou paso a unha resignación que lle proía por dentro. Até que Marta regresou no verán despois do seu primeiro ano na universidade e o rescatou. Entre bicos e libros sacou de novo á superficie aquel rapaz nobre e espelido que fora, convertido xa nun mozo forte e curtido polo salitre. As novas experiencias que Marta vivía na universidade pasaban por el a través dela e das fins de semana nas que podía escapar á capital e quedaren xuntos no seu piso de estudantes compartido. Ao regreso, xa como profesora do instituto, trouxera ademais novas amizades, entre elas a de Bieito, que sacaba o seu lado poeta e militante coa mesma facilidade coa que unha faísca prendía lume na palla seca. Pensou no cerca que estaban xa de febreiro e na viaxe a Monforte con Bieito para coñecer a Manuel María e outros compañeiros e compañeiras do partido e aflorou un sorriso na súa faciana.

Sen darse conta xa chegara ao cuartel. Entrou, no mostrador estaba o Xosé da Mouteira, o garda máis vello, que realmente era de Extremadura, mais chegara xa moitos anos a Vilaningures e casara cunha rapaza desa parroquia, e estaba tan integrado na vila que se alguén lle chamaba José estando fóra de servizo, nin lle contestaba. Xoán contoulle todo o que acontecera sen saber que no despacho do tenente Malasaña unha hora antes estivera Paco entregándolle unha lista con vinte e un nomes escritos cun bolígrafo azul.

Advertisement

5 comentarios en “Os mortos, di aquel, virán. Interludio. Parte I

  1. o capítulo paréceme ben escrito, ben estruturado con esa secuencia de acontecementos nos que cada personaxe lle vai dando relevo ó seguinte. fórmase unha historia que se entende perfectamente con esa lista que pasa de 20 a 21 apuntados. e tamen se relaciona moi ben co que xa limos, ainda que esa especia de represion franquista me sona rara para o 81.

    dito isto, véxolle un problema. o capitulo semella un flashback, dentro do cal atopamos á súa vez outro miniflashback que nos fala do pasado de Xoan. En fin, o problema é que toda esta informacion só a sabemos nós, non nola comparte ningunha personaxe, e iso vai crear unha disonancia na nosa conexion co protagonista, porque el nunca poderá saber isto, e se chega a sabelo é inda peor, porque enton ese seria o momento para contalo, non este.

    É dicir, aqui aparece o autor omnisciente regalandonos unha informacion valiosa que rompe co lido ata o momento, e que pode facernos perder pe na coherencia do fluxo de informacion da novela, porque agora eu podo preguntarme: por que non nos contou directamente este narrador tan simpatico como morreu o pai do protagonista? por que dar voltas se non está atado a un ritmo especifico de narracion? Por exemplo, o narrador da converxencia ten tantas cousas que contar que non da feito, non ten un “final” que contar, non pode facer spoilers inda que queira porque cada vez que di algo xa é info nova, nin seqeura ten por que estar ordenada cronoloxicamente. Peor nunha historia ligada a unha personaxe concreta que busca dar cunha informacion concreta… é moi delicado entregar un capitulo como este. Tamen podo estar equivocado e que o feito de quen ou como morreu o pai do prota non sexa en realidade importante na historia, ou mesmo non chegue a rebelarse. nese caso poderia entenderse mellor un capitulo asi.

  2. Este capítulo danos moita información nova, sobre todo do contexto no que se move a narración.
    Elixe unha data importante na historia da nosa democracia, a do golpe de estado, a do 23F. Efectivamente, a nosa democracia estaba en pañais e non me choca que a represión postfranquista se prolongara. As estructuras tardaron moito en cambiarse e os herdeiros do réxime continuaron existindo nas institucións, que algúns usaron a “título persoal” para resolver as súas liortas, neste caso o enfrontamento e envexa a Xoan. A historia reflexa como xa se estaban organizando os golpistas.
    Está moi ben escrito, ao igual que os anteriores. Despértame inquietude, polo que ten de ataque ás persoas do outro bando e aos seus bens, moi ben reflexado nesa pequena historia.
    Espero seguir lendo. Hai moito mar de fondo nesta novela. Parabéns.

  3. Este capítulo parece moito máis áxil, non se detén tanto en detalles como os primeiros. Con respecto á novela, o que me parece é que desvela todo o entramado e as preguntas que traiamos ata aquí, paréceme difícil continuar agora, xa non imaxino que pode pasar.
    Certo que grazas á observación de Rosa puiden entender a relación co golpe do 23 F, quizais debería quedar máis claro, para lectoras despistadas coma min que lemos as datas sen lle prestar a debida atención.
    Fáltame tamén o pequeno capítulo que fala da nena (evidentemente no ano 81 non existía), imaxino que nos seguintes irásenos aclarando todo.
    O último parágrafo gústame especialmente, cando aparece a denunciar o que lle fixeron á súa barca e fálasenos da lista entregada un pouco antes polos fascistas. O problema é que polo capítulos anteriores imaxinamos que Xoán vai morrer asasinado, é coma se souberamos o desenlace.
    A ver como continúa..

  4. Gústame que o capítulo aborda a Marta como suxeito propio e non como simple complemento do protagonistas, como sinto que sí pasou previamente. Tamén me gustou moito a escena na que Marta ensina na clase a señora coas berzas, porque retrata moi ben unha realidade da que moita xente xa se esqueceu e da unha imaxe das mulleres galegas fortes e duras. Ten tintes de picardía que tamén fan a historia máis amena e áxil, e gústame moito que o título da novela sexan os primeiros versos dun poema. Creo que a novela vai collendo forma, e que os “erros” ou desvantaxes dos capítulos anteriores están moi ben sobrelevados neste.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s