A literatura e o xornalismo son a dinamo das linguas

Fragmento da contracapa da edición do ‘Dicionario Xerais da Lingua’ do 1990

César Lorenzo Gil.

En Galicia, malia todos os erros, eivas, polémicas e obxeccións, a Academia conseguiu o monopolio sobre a norma da lingua propia. O seu dicionario en liña é o máis utilizado e o seu criterio úsase como autoridade en calquera dos debates sobre usos lingüísticos ou ortográficos que se dan no mundo real ou virtual.

Que isto suceda é unha boa noticia para a nosa cultura. A pesar de que a meirande parte das nosas institucións nacionais levan en pé máis de corenta anos, seguen a necesitar demostrar a súa lexitimidade continuamente. Con certeza, a Academia non xurdiu canda a Xunta ou o Consello da Cultura, por nomear dous entes de grande altura política segundo a nosa lexislación, pero o seu perfil nada ten a ver coas funcións, obxectivos e fasquía que mantivo durante outras moitas épocas da súa longa historia. A Academia de hoxe aspira a ser tamén un organismo ao servizo do autogoberno, da nosa autosuficiencia cultural, con todos os límites e matices, por suposto, pero sen unha chisca de dúbida.

Este papel de autoridade outórgalle unha notable influencia sobre o galego culto que se publica arestora. Para aclarar calquera debate sobre lingua sempre se vai utilizar, antes ca ningún outro, o criterio da Academia. E isto supón un desafío para a lingua viva, non só a que se fala, senón tamén —e principalmente— a que se escribe.

Subliño o da escrita fronte á fala porque a autoridade académica está máis fixada no rexistro culto e na variante estándar, xusto as dúas coordenadas máis afastadas da lingua oral, onde o rexistro e a isoglosa son evidentemente móbiles segundo cada individuo ou comunidade de falantes. Agás en contextos formais, ninguén pode (nin debe) corrixir a ningún falante de galego porque ninguén lle pode aprender a falar a súa lingua a quen aprendeu a vivir nun idioma concreto. Que a miña nai diga ghueves ou cantén ou tu non a fai peor falante de galego ca alguén que diga xoves, cantei ou ti. O emprego desas formas ten unha explicación, sempre histórica, ás veces social.

Mais na escrita, eu mesmo coloco eses termos en cursiva para que o lector entenda que son formas alleas ao galego culto. É dicir, a palabra escrita ten unha relación co idioma máis racional e menos instintiva. Escribir unha lingua obríganos a unha reflexión crítica sobre o uso dunhas formas sobre outras. Iso en xeral está ben e é común a calquera lingua do mundo. Pero en Galicia temos que ser conscientes dunha das nosas principais diferenzas a respecto de sistemas culturais máis normalizados: nin temos completa autonomía para definir todos os rexistros nin temos unha industria cultural que alumee ese noso rexistro estándar.

E aínda así, malia a magreza do xornalismo exercido en lingua galega, e a cativa influencia da literatura en galego sobre o conxunto da masa lectora —recordemos que só o 8% dos libros que se len en Galicia son libros escritos en galego—, a norma, a lingua estándar/culta, debe ter en conta o uso real, as necesidades dese xornalismo e desa literatura á hora de decidir que é o que se pode usar ou non.

Á hora de redactar un dicionario ou un manual de gramática, o filólogo pode analizar e peneirar a lingua para propoñer un xeito concreto de expresión, pero ese é un labor estático: as súas decisións quedan petrificadas nese dicionario ou nese manual e o filólogo continúa analizando e peneirando, sen máis.

Son os xornalistas e escritores (incluídos tradutores) quen se enfrontan a diario ao idioma. Non só teñen que escoller que palabra empregar en cada caso, senón como esa palabra se leva con elementos tan importantes na expresión coma o ritmo, a eufonía ou a prosodia. Non é o mesmo falar dunha perrucaría ca dun salón de peiteado. Non é o mesmo o zume dun pexego ca a seiva (a norma indica que se use zume neste caso tamén) dun pexegueiro. Os dicionarios non teñen en conta en moitas ocasións o rexistro: urina e ouriños non son sinónimos; nin a xeografía: eso é unha palabra galega 100% se se usa no seu contexto, por exemplo.

Cito moito unha das mellores frases do gran Bieito Iglesias a conta disto: “Todos os libros que se publican hoxe parecen obra de correctores cun Dicionario Xerais dediante”.

A corrección ortotipográfica é fundamental nunha industria seria, pero contar as cousas ten a maioría das veces unha complexidade superior ás propostas tiradas dun manual. A escrita non é obxecto do Dereito, que se resolve co código. É cousa dun magma que leva movéndose centos de anos na boca das xentes. Escribir, igual ca falar, é insuflarlles vida a esas palabras que repousan na paz da Academia… Por certo, pido a escolla de Bieito Iglesias como académico. Telo ensinando alí sería unha gran sorte para o idioma.

Advertisement

7 comentarios en “A literatura e o xornalismo son a dinamo das linguas

  1. Moi bo artigo. Como tradutor engadiría que introducir neoloxismos (ou corrixir barbarismos asentados) é moi complicado: non temos unha “autoridade lexicográfica” especialmente áxil. Só cómpre lembrar o que tardaron na pandemia en atender as necesidades léxicas do momento. Eu, na miña humilde loita e teima, seguirei a insistir na diferencia entre bosnio* e bosníaco.

  2. Un artigo redondo, César. Permíteme varrer para a casa e incluír tamén a creación audiovisual traducida: un campo de probas para o galego oral (estilo, expresividade, rexistros…) que parte, claro, do estándar, mais que por necesidades do guión pode (e debe) desatender as recomendacións académicas. Déixoche por aquí unha reflexión ao caso, por se che presta lela: https://derrubandoisoglosas.wordpress.com/2022/06/05/o-drag-no-gabinete-do-tradutor-cinematografico/

  3. Parabéns, un artigo moi asisado, expresa moitas cousas nas que cavilo todos os días como tradutora para audiovisual, que como ben di Manuel Arca é un campo de probas e unha ferramenta estupenda para espallar o galego, pero que moitas veces choca coa limitación lexicográfica da Academia e os criterios persoais de lingüistas erixidos en gardiáns da lingua, algo que nos obriga decote a dar saltos ó baleiro encomendándonos a todos os santos para conseguir darlles frescura aos diálogos.

    • Non era sen tempo que alguén o dixese ben alto, Luisa. Os enigmáticos criterios dos lingüístas da TVG que se (non) fundamentan, non en razóns filolóxicas, senón en preferencias persoais tan mudables como incoherentes.

      • Totalmente de acordo, María, é unha ditadura lingüística, a TVG necesita aire novo, viven noutro planeta.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s