De Annie Ernaux a Francisco Fernández Naval. Dez libros para maio do 2023

Annie Ernaux.

César Lorenzo Gil.

Esta listaxe baséase unicamente no meu criterio, formulado a través da ficha explicativa de cada título. Avalíanse unicamente obras publicadas durante os últimos doce meses. A lista publicarase o primeiro luns de cada mes. Por razóns evidentes non se inclúen obras publicadas por Aira editorial.

O acontecemento, de Annie Ernaux. Tradución de Moisés Barcia. Rinoceronte

Non é moi común que se publiquen en galego obras dos Premio Nobel, especialmente a posteriori e en datas recentes. Mais á parte desa circunstancia conxuntural, que Ernaux forme parte da nosa biblioteca é unha gran noticia. Neste libro de apenas cen páxinas, a veterana autora francesa recorda a súa experiencia cun aborto clandestino. Máis alá do valor do tema, esta obra é mostra e ensino dun xeito distinto de contar a ficción. Non en van, Ernaux está considerada como unha das grandes cultivadoras da autoficción e é fundamental a súa contribución nas novas tendencias da narrativa. Unha obra imprescindible para entender cales son os vieiros da alta literatura actual.

Antoloxía poética de Antón Tovar. Xerais

Coordinada por Delfín Caseiro, ilustrada por Xosé Luís Carreira e con limiar de Xesús Alonso Montero, Xerais incorpora á súa colección de ‘Clásicos’ esta escolma do escritor da Limia, que é a estas alturas xa candidato oficioso ao Día das Letras 2024. Tovar foi un dos máis destacados autores do século XX e desde hai uns anos o Museo da Limia está a facer esforzos por manter o seu legado e influencia literaria. Os seus poemas son de corte clásico no formal e de gran fondura no temático. Destacan polo seu brillo e sofisticación,

Shakespeare en Roma, varios autores a partir de William Shakespeare. Positivas

Este novo título da ‘Colección do Centro Dramático Galego’ reúne catro pezas shakespearianas: Coriolano, Xulio César, Antonio e Cleopatra e Tito Andrónico, seguindo as versións representadas baixo a dirección e dramaturxia de: Rui Madeira e Volodymyr Snegurchenko; María Barcala-Xúlio Lago e Ana Carreira; Sara Rey e Ana Abad de Larriva e mais Quico Cadaval e Lorena Conde. Estas obras teñen como elo común o tema “romano” e son, dentro da obra do autor inglés, menos coñecidas ca outras moito máis famosas. Mais nestas Shakespeare profundou en temas como a violencia e o poder dun xeito máis descarnado. O libro conta con textos e fotografías das representacións.

Un gorro ruso, de Claudio Pérez Díaz e Claudia Pérez Moratilla. Xerais

Nova achega á colección ‘Crónica-Memoria’, de Xerais, que se suma a outras iniciativas editoriais que rescatan e actualizan testemuños do que poderiamos denominar “as voces baixas” da represión franquista. Neste caso, os autores son familiares directos de Claudio Pérez e Manuel Pérez (irmáns; o último era o pai dun dos autores, Claudio, e avó da outra). Os irmáns Pérez, republicanos e galeguistas de Ribadeo, tiveron que fuxir para evitar a morte no 1936 e este libro conta a súa historia. Unha das súas curiosidades é o xermolo da publicación, xa que os autores entenderon que debían contar a historia dos seus devanceiros logo de ler Un señor elegante, a novela na que Suso de Toro ilumina a saga dos Baltar.

Cartos, de Victoria Benedictsson. Tradución de Marta Dahlgren. Hugin e Munin

A escritora sueca Victoria Benedictsson, que se suicidou nun hotel de Copenhague no 1888, é hoxe unha das autoras máis estudadas, especialmente polas escolas feministas de historia literaria. Esta novela que agora chega ao galego e aumenta un tantiño a escasa produción en lingua sueca traducida ao galego, mantén o seu interese para o público de hoxe en día malia estar escrita hai máis de cen anos. Cartos é unha novela que a crítica considera autobiográfica onde se narra a relación entre unha adolescente e un vello terratenente co que acabará casando por comenencia. A atención aos desexos, angueiras e preocupacións da personaxe central unen esta novela coas doutras autoras do século XIX que se ocuparon en desvelar as inxustizas e contradicións dun sistema socioeconómico que relegaba e empequenecía a vontade feminina.

Miñoca e ourizo, de Ramón D. Veiga e Iván R. Xerais

Miñoca coñece a Ourizo, que quere vivir do espectáculo: ser faquir, hipnotizar, lanzar pugas… Mais é bastante desastre en todo. Aínda que o cómic ten un guión mellorable e lle sobran páxinas porque a historia principal quedou curta, o estilo gráfico é moi chamativo e paga a pena para que o público infantil enrede coas aventuras duns personaxes bastante descerebrados.

Máis do que unhas cores, de Ramón Usall. Tradución de Ângelo Pineda. Menino Morreu

Outro título máis da prolífica e substanciosa colección ‘Bébel’ que ofrece textos relacionados co fenómeno futbolístico desde perspectivas sociolóxicas e políticas. Neste caso, a obra de Usall, subtitulada Fútbol e reivindicación nacional na Europa Occidental percorre a experiencia do fútbol en lugares como Irlanda, Euskal Herria, os Países Cataláns, Escocia, Gales, a Bretaña, Córsega e tamén Galicia. No caso galego, o autor fíxase en dous elementos. a figura do deportivista Bébel García (que lle dá nome a esta colección, precisamente), asasinado no verán do 1936 tras un xuízo sumarísimo. E no acto simbólico que Celta e Deportivo realizaron cando o 4 de decembro do 1977 saíron ao seu partido en Balaídos cunha inmensa bandeira galega, en apoio á reivindicación do Estatuto que se desenvolvera na cidade aquela xornada.

Floris e Brancaflor, de Robert D’Orbigny. Tradución de Henrique Harguindey Banet. Rinoceronte

A imprescindible colección ‘Vétera’ presenta un romance de clerecía escrito en francés no século XII e que foi tan famoso no seu tempo que até aparece citado nunha cantiga de Xoán García de Guillade. Alén desa relación, o propio conto destes dous amantes comeza en Galicia, nun tempo indefinido, durante unha razzia que os muslimes lanzan ao norte dos seus dominios. A edición presente, enriquecida coa introdución e notas do seu tradutor, transpórtanos a unha Idade Media vizosa, de amplas fronteiras, refinados costumes e gran curiosidade intelectual. Non en van, o século XII considérase hoxe como un dos períodos máis prósperos da historia de Europa, moi lonxe de certa imaxe tradicional sobre a época medieval. Esa imaxe, expresiva, luminosa, sensual, está moi ben reflectida nesta historia.

A batalla de Rande, de David Braña e Pablo Prado. Galaxia

Co apoio do Centro de Interpretación de Rande, MEIRANDE, e o Concello de Redondela, Galaxia edita este espectacular cómic que recrea un dos acontecementos bélicos máis dramáticos e coñecidos da historia de Galicia: a denominada batalla de Rande que enfrontou no 1702 unha escuadra española chea de ouro de América, escoltada por buques de guerra franceses, contra a frota anglo-neerlandesa, dentro do contexto da guerra de Sucesión española. Os debuxos de Prado e o guión de Braña achegan este evento para o público infantil e xuvenil.

Ser cetáceo, de Francisco X. Fernández Naval. Bululú

Esta magna obra (458 páxinas) leva por subtítulo O fascinante inverno do animal de fondo. Libro autobiográfico, estudo biolóxico, antropolóxico, histórico, económico, xeográfico, experimento literario que supera os xéneros e as etiquetas… Centos de referencias, conexións, influencias e lembranzas. O autor ourensán culmina un proxecto persoal que trascende case todos os límites e que reúne toda a fascinación dunha vida ao redor duns animais que aínda hoxe, con todos os avances da ciencia, manteñen un status especial no imaxinario humano. Un libro para recrearse, sen apuro e sen compás, para compartir co escritor ese misterio.

Advertisement

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s